A concelleira non adscrita Mila Castro reclamou explicacións ao Goberno local de Santiago de Compostela pola situación actual do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, ao considerar que o seu desenvolvemento permanece bloqueado case tres anos despois da chegada do actual executivo municipal.
Segundo sinalou Castro, o actual Goberno accedeu á Alcaldía cunha subvención europea de 3,6 millóns de euros, acadada no anterior mandato, destinada a actuacións en diferentes puntos do municipio. Entre elas, citou intervencións en espazos como a Ponte Pedriña, a Lagoa do Auditorio ou proxectos de restauración fluvial do río Corvo. A concelleira advertiu de que, a día de hoxe, as obras da Lagoa do Auditorio aínda non foron adxudicadas e que existen dúbidas sobre o financiamento da humanización doutro ámbito xa en execución.
Castro alertou de que, no caso de confirmarse a perda dos fondos europeos vinculados a este proxecto, sería a segunda subvención comunitaria perdida polo Concello durante o actual mandato. Neste sentido, lembrou os 2 millóns de euros non executados en 2024 destinados á modernización e mellora da Praza de Abastos. Para a edil, esta situación evidencia un “desleixo” na xestión que, ao seu xuízo, debe ser explicado publicamente.
A concelleira asegurou que, nas ocasións nas que a oposición preguntou polo estado do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, o Goberno local trasladou unha mensaxe de tranquilidade e deu por feito que todas as actuacións previstas se ían executar. Porén, considera que o escenario actual contradí esas explicacións e reclama que se asuman responsabilidades políticas se finalmente non se materializan os investimentos comprometidos.
Finalmente, Mila Castro cualificou de “non aceptable” que se vexan comprometidos proxectos que, segundo lembrou, foron traballados no mandato anterior para garantir o financiamento europeo, e insistiu na necesidade de que o Goberno local dea conta da situación real do proxecto e das medidas que pensa adoptar para evitar a perda dos fondos.
PSOE RECLAMA UN GOBERNO “RESPONSABLE E DILIXENTE”
Nunha liña semellante pronunciouse a concelleira socialista Marta Abal, quen asegurou que era “previsible” que o Goberno municipal non chegase a tempo a executar as actuacións incluídas no proxecto, unha iniciativa centrada na recuperación ambiental e na adaptación ao cambio climático para a que, segundo lembrou, o PSdeG acadara 3,6 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation.
Abal subliñou que a convocatoria establecía como data límite de execución o 31 de decembro de 2025, incluídas as prórrogas, e apuntou que na actualidade a obra do Barrio Verde da Ponte Pedriña continúa sen rematar, mentres que as actuacións de recuperación da Lagoa do Auditorio e do río Corgo nin sequera foron adxudicadas. A edil advertiu de que aínda está por determinar cantos fondos europeos se perderán e que contías terá que asumir o Concello con recursos propios para completar o proxecto, cantidades que se sumarían, segundo indicou, aos 2 millóns de euros xa perdidos para a modernización da Praza de Abastos. A socialista engadiu que eses recursos poderían destinarse a cubrir outras necesidades da cidade e reclamou un goberno “responsable e dilixente” que sitúe a Santiago como unha cidade de referencia.
O PP FALA DE INCAPACIDADE
Tamén o PP de Santiago se sumou ás críticas ao Goberno municipal, ao asegurar que a súa “incapacidade” volve provocar a perda de fondos europeos Next Generation, neste caso 3,6 millóns de euros vinculados ao proxecto ‘Entre Sar e Sarela’. Os populares lembraron que esta situación chega despois de terse perdido 2 millóns de euros destinados á Praza de Abastos e advertiron de que este escenario obrigará á veciñanza a financiar con fondos propios actuacións como as da Ponte Pedriña, mentres que outras, como as correspondentes ao río Corvo, nin sequera chegaron a licitarse. Desde o PP esixiron ao Goberno local “transparencia e explicacións” sobre as causas polas que non se executaron as obras nos prazos establecidos e reclamaron que se detalle cal será o importe que deberá asumir o Concello para completar o proxecto. Ademais, sinalaron que a cidadanía “non ten por que pagar as consecuencias da incompetencia” do actual executivo municipal.