InicioPOLÍTICAAs non adscritas cuestionan a proposta de empresa mixta para a xestión...

As non adscritas cuestionan a proposta de empresa mixta para a xestión da auga en Santiago

Critican as contradicións entre informes municipais e reclaman aclaracións ao goberno local na comisión sobre o ciclo integral da auga

Publicado o

Xornal de Compostela

O colectivo de concelleiras e concelleiro non adscritos de Santiago de Compostela manifestou este venres o seu desacordo coa orientación do debate sobre o modelo de xestión do ciclo integral da auga, no marco da comisión específica celebrada na Casa do Concello. As non adscritas reclamaron “seriedade e valentía” ao executivo municipal ante o que consideran contradicións relevantes entre distintos informes técnicos elaborados para o Concello nos últimos anos.

Segundo expuxeron, o documento encargado en xuño de 2019 polo anterior goberno de Compostela Aberta descartaba a fórmula da empresa mixta como opción viable, mentres que o novo estudo promovido polo actual executivo de BNG e Compostela Aberta sostén que “non existen argumentos obxectivos para asumir de abstracto a superioridade dalgunha fórmula de xestión sobre outra”. Esta diferenza de criterios foi sinalada na comisión por Mila Castro, quen lembrou que o informe de 2019 afirmaba expresamente que a empresa mixta “decaía como opción real”.

As non adscritas explicaron que aquel estudo fundamentaba esa conclusión en tres cuestións principais: a asunción do risco operacional pola concesionaria privada, a curta duración das concesións e a escasa capacidade de decisión do Concello. O propio documento indicaba, segundo recolleron, que a xestión “queda completamente en mans do socio privado”, unha análise que contrasta coa proposta que actualmente manexa o goberno local.

Durante a sesión, Castro cuestionou que modelo debe tomarse como referencia e lembrou que o equipo redactor do novo informe recoñeceu nunha das primeiras reunións que non estaba en condicións de asegurar que a sociedade mixta sexa a opción óptima. Tamén puxo o foco nas limitacións financeiras do Concello, sometido a un Plan Económico Financeiro, que impedirían na actualidade constituír unha empresa mixta, así como nos prazos previstos no documento actual, cun horizonte de ata 20 anos para corrixir as deficiencias da rede de saneamento e abastecemento.

Neste contexto, as non adscritas advertiron de que optar por esta fórmula atrasaría a renovación integral das infraestruturas ata, cando menos, o ano 2047. Castro lembrou que un informe elaborado en 2020, cando ela era responsable de Servizos Básicos e redactado polo mesmo equipo técnico que traballou para o Concello de Pontevedra, cifraba en arredor de 100 millóns de euros o investimento necesario para actualizar a rede, unha actuación que, segundo indicou, só sería asumible a curto prazo cun modelo no que unha empresa adiante os fondos necesarios.

A comisión estivo marcada tamén pola controversia sobre a presenza das non adscritas. Segundo denunciou Castro, representantes do PSOE expresaron o seu desacordo con que ela mesma e Mercedes Rosón participasen na reunión como convidadas, con voz pero sen voto. A concelleira cualificou esta postura de incoherente, ao lembrar que a cuestión deberá ser votada no pleno municipal, onde as non adscritas contan con catro votos fronte aos dous do grupo socialista. O PP tamén mostrou malestar pola falta de comunicación previa sobre a súa asistencia, aínda que foi o PSOE quen cuestionou de forma máis explícita a presenza das non adscritas.

Desde este colectivo interpretan estas actitudes como un “déficit democrático” e reiteraron a súa vontade de seguir participando no debate para avanzar nun acordo que permita afrontar os problemas estruturais da rede de auga. As non adscritas aseguraron que continuarán traballando “polo interese xeral” e pediron “altura de miras” ao conxunto das formacións políticas para abordar o que consideran un dos principais retos pendentes en Santiago de Compostela en materia de servizos públicos.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

O PSdeG reclama definir o destino dos ingresos da taxa turística no orzamento municipal de 2026

O Grupo Municipal Socialista en Santiago trasladará ao pleno deste mes de abril a...

O Goberno local atribúe a problemas técnicos o atraso nas bolsas de comedor

O Goberno local de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre o...

O PP denuncia cinco meses de atrasos nos pagamentos das bolsas de comedor e actividades en Santiago

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, Borja Rubio, denunciou este martes en rolda...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here