InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA USC alerta do mal estado de conservación dos lagares históricos de...

A USC alerta do mal estado de conservación dos lagares históricos de cera de abellas

O estudo localiza 14 infraestruturas no noroeste peninsular e no norte de Portugal e pide unha intervención pública

Publicado o

Xornal de Compostela

Un estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela descubriu catorce infraestruturas de prensado de cera de abellas no noroeste peninsular, incluíndo a Rexión do Norte lusa. Con todo, gran parte deles atópanse en “un estado deficiente de conservación”. Os denominados lagares de cera de prensa de viga, conforme ao comunicado da entidade universitaria, eran empregados para o prensado da cera fabricada polas abellas. Xunto a eles, tamén existían infraestruturas de branqueo do produto apícola.

O profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Damián Copena, a investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Mariam Ferreira Golpe, e o enxeñeiro e investigador independente, Diego Copena Rodríguez, asinaron o artigo. Os tres investigadores fixeron énfase na necesidade de que as administracións públicas fagan un “esforzo” para buscar potenciais lagares novos na zona e traballen para “restaurar, conservar e protexer” os xa identificados.

O traballo, publicado na revista electrónica sobre patrimonio histórico ‘ERPH’, concluíu que os lagares descubertos conforman un “patrimonio singular do que apenas existen exemplos conservados noutras partes de Europa”. Segundo o comunicado, visitar cada un dos tradicionais lugares de prensado de cera permitiu aos investigadores crear unha base de datos pioneira na que se inclúen fotos e vídeos recompilados nas visitas mencionadas.

O estudo inclúe, á súa vez, unha clasificación das instalacións segundo o tamaño. Os lagares de maior magnitude, como o de Robledo ou o de Lamosa, contan con “unha edificación propia e específica” para o prensado e dispoñen de vigas de até oito metros. Respecto dos de menor tamaño, a investigación especificou que “non adoitan contar cunha edificación propia”, pero si con “algúns elementos móbiles que se adaptan ao espazo dispoñible en función das necesidades de uso”.

ABERTO O PRAZO DE MATRICULACIÓN DE ALEMÁN E OUTROS IDIOMAS

A USC tamén anunciou a apertura do prazo de matriculación dos cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano, galego e portugués que ofrece o Centro de Linguas Modernas (CLM). Segundo o comunicado, quedarán exentos de realizar un test de nivel previo aqueles alumnos que se incorporen ao nivel inicial dun idioma ou que poidan acreditar o aprobado dun nivel previo no semestre ou ano anterior polo Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECRL).

Respecto dos interesados que non se atopen nalgunha das situacións mencionadas, podendo ser membros ou non da comunidade universitaria, a institución pública especificou que deberán inscribirse para facer unha proba de nivel gratuíta en liña ou presencial. Conforme á universidade, o prazo para inscribirse aos cursos de conversación de francés, checo e inglés abrirase en febreiro. Esta formación, tal e como indican, só se ofrece para “niveis intermedios e avanzados”.

ÚLTIMAS

Santiago activa a conta atrás para o Xacobeo 2027 a cen días do inicio do Ano Santo

O Xacobeo 2027 entra na súa conta atrás en Santiago de Compostela. A falta...

Carlos Toural asume o decanato de Ciencias da Comunicación e aposta por adaptar a Facultade á IA e ao novo ecosistema mediático

O profesor Carlos Toural Bran tomou posesión este martes 22 de setembro como novo...

O PSOE preguntará no Pleno polas medidas para ordenar as colas na contorna da Catedral

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste xoves a xestión dos...

Santiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo do seu avance

O vertido de purín provocado pola rotura dunha balsa nunha explotación gandeira de Tordoia...

Santiago proba no Restollal e o Castiñeiriño colectores de resto que só abrirán con tarxeta

O Restollal e o Castiñeiriño serán o escenario dun novo proxecto piloto para modificar...