InicioECONOMÍAO Pleno de Santiago rexeita por terceira vez o recoñecemento extraxudicial de...

O Pleno de Santiago rexeita por terceira vez o recoñecemento extraxudicial de crédito

Os votos foron os mesmos que os de en anteriores plenos, co goberno e o PSOE a favor, o voto en contra do PP e a abstención dos non adscritos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela volveu non aprobar o recoñecemento extraxudicial de crédito, nun punto que chegaba por terceira vez á sesión plenaria sen conseguir saír adiante. A proposta contou cos votos favorables do BNG, PSOE e Compostela Aberta, co voto en contra do PP e coa abstención dos concelleiros non adscritos, un resultado que impediu novamente a súa aprobación.

O expediente incluía o pagamento de facturas correspondentes a servizos e subministracións xa realizados para o Concello por distintas empresas, entre elas varias vinculadas aos servizos de Extinción de Incendios e Salvamento, así como un importe de 992.395,30 euros correspondente a ‘Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia’. Durante a súa intervención, o concelleiro de Facenda, Manuel César, detallou unha relación de provedores e cantidades pendentes e apelou á “responsabilidade” da oposición para garantir a seguridade da cidadanía, advertindo das consecuencias económicas dun eventual recurso á vía xudicial.

Desde o PSOE, a concelleira Marta Abal xustificou o voto favorable do seu grupo ao considerar que se trataba de servizos efectivamente prestados e recepcionados, tal e como constaba no expediente. Abal defendeu que o recoñecemento extraxudicial de crédito responde á obriga xurídica de evitar un enriquecemento inxusto da Administración, lembrando que este mecanismo permite o pagamento sen necesidade de acudir aos tribunais, co conseguinte aforro de custos e demoras.

Pola súa banda, o PP, a través do seu portavoz Borja Verea, reiterou o seu voto en contra ao considerar que o expediente presenta “importantes carencias e irregularidades”, especialmente no relativo ao pagamento do importe correspondente a Viaqua. Verea sostivo que faltan documentos esenciais e xustificacións indispensables, e anunciou a solicitude dun informe preceptivo sobre a legalidade do expediente, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento, como base da súa posición.

Os concelleiros non adscritos, con intervención de Gonzalo Muíños, mantiveron a abstención xa expresada en sesións anteriores. Muíños cuestionou a decisión do Goberno local de levar conxuntamente facturas de grandes empresas e de pequenos provedores, e insistiu en que a separación dos expedientes permitiría desbloquear o pagamento ás empresas con maior vulnerabilidade económica.

No turno de réplica, Manuel César advertiu de que a non aprobación do expediente pode derivar en reclamacións xudiciais con xuros e custas, e defendeu que o procedemento busca unicamente pagar por servizos prestados ao Concello desde hai anos. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, pechou o debate dando paso ao secretario municipal, que aclarou que normativamente sería posible tramitar expedientes separados, incluso un por cada factura, e que a aprobación dun recoñecemento extraxudicial implica unicamente autorizar o pagamento das obrigas correspondentes.

INFORME SOBRE A LEGALIDADE DAS FACTURAS SOLICITADO POLO PP

Nun escrito ao que tivo acceso este medio e que este grupo presentou ante o secretario xeral do Pleno, o Grupo Municipal Popular solicitáballe formalmente un informe específico sobre as facturas de Viaqua incluídas no expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito rexeitado.

No documento, asinado por todos os concelleiros populares, o PP expón “serias dúbidas xurídicas” arredor do pagamento do servizo auxiliar de cobro da taxa do lixo e formula varias cuestións concretas centradas na ausencia dunha memoria xustificativa, na aplicación de cláusulas dun contrato xa extinguido, na posible inclusión de beneficio industrial improcedente e nas dúbidas sobre a boa fe do contratista.

Entre outras preguntas, o grupo popular cuestiona se é conforme ao Dereito aprobar o aboamento sen acreditar prezos de mercado nin o custo real das prestacións, e se resulta legal recoñecer unha porcentaxe fixa de beneficio nun contexto sen cobertura contractual vixente. Así as cousas, o escrito pide que estas cuestións sexan respondidas ao abeiro do Regulamento Orgánico Municipal e sirvan de base para motivar o sentido do seu voto en contra.

ÚLTIMAS

Un percorrido polo simbolismo das estatuas do Mestre Mateo

Dúas estatuas repousan hoxe, senlleiras, no Museo do Pobo Galego. Abraham e Isaac —ou...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

PP e PSOE alertan da caída dos indicadores turísticos de Santiago

Os grupos do PP e do PSOE coincidiron este mércores en advertir da evolución...

O Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e aos centros educativos

O Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto 'Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here