InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o 'Laboratorio...

O Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o ‘Laboratorio Vivo’ para recuperar o Sarela

O proxecto, integrado en 'Entre Sar e Sarela', abrangue 44.300 m² xunto ao Campus Sur e inclúe melloras ambientais, recuperación de hábitats e novas zonas agroecolóxicas

Publicado o

Xornal de Compostela

A transformación do Xardín Botánico, situado entre o Campus Sur e o río Sarela, avanza coa posta en marcha dun amplo conxunto de actuacións destinadas a recuperar o estado ecolóxico deste espazo estratéxico da cidade. O Concello de Santiago confirmou que os traballos forman parte do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, desenvolvido xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e financiado pola Fundación Biodiversidade a través do PRTR.

O plan céntrase en reforzar o corredor fluvial do Sarela e en mellorar a conectividade dos seus ecosistemas, ao tempo que se acondiciona o sendeiro que percorre todo o ámbito do Xardín Botánico. A intervención prevé actuar tanto sobre o leito do río, como na carballeira autóctona e na zona de penedía, onde se busca restaurar o equilibrio dos hábitats presentes e favorecer a presenza de especies propias da contorna.

Un dos puntos máis salientables é a eliminación das especies invasoras que, segundo o Concello, ocupaban practicamente toda a ribeira e dificultaban o desenvolvemento da flora protexida, como os marteliños. Estes traballos estendéronse tamén polo tramo entre O Romaño e Vidán, incluíndo os parques de Galeras e Carme de Abaixo, nos que se actuou ao longo de 6.600 metros de ribeira.

En paralelo, nas antigas superficies agrícolas situadas no Xardín Botánico vaise recuperar o uso produtivo tradicional mediante a creación dun Laboratorio Vivo Urbano Agroecolóxico. Este espazo, de 12.000 metros cadrados, acollerá a plantación de variedades locais de froiteiras, así como áreas con plantas aromáticas, caixas niño para fauna, unha colmea e hoteis para insectos. O obxectivo é divulgar o valor das variedades agroecolóxicas da contorna compostelá e favorecer a súa conservación. Para facilitar a interpretación do espazo instalaranse tamén paneis informativos.

O ámbito de actuación abrangue un total de 44.300 metros cadrados anexos ao Campus Sur, nos que se está a restaurar a vexetación, recuperar zonas degradadas e mellorar a senda que acompaña o río. O investimento previsto para o conxunto das actuacións ascende a 213.050 euros, destinados a fortalecer o anel verde exterior de Santiago e avanzar cara a un modelo urbano máis sustentable e adaptado ao cambio climático.

O proxecto ‘Entre Sar e Sarela’ inclúe, ademais, outros catro plans modelo: Pontepedriña, Monte Viso, a lagoa de Cornes e a contorna do Auditorio de Galicia, configurando un marco de actuación que pretende reforzar a calidade ambiental do municipio mediante intervencións coordinadas nos principais espazos naturais que rodean o casco urbano.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

‘Compostella Expeditio’ recrea o Santiago medieval nunha experiencia de realidade virtual

A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle desde este martes 'Compostella Expeditio',...

Controlado o incendio de Brión tras queimar 4 hectáreas

O incendio forestal declarado na tarde do pasado martes no municipio coruñés de Brión...

Santiago converterá as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nunha galería de arte urbana

As galerías que comunican Rosalía de Castro coa Rúa Nova de Abaixo deixarán de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here