A edición deste ano de ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ chega á súa fin este xoves, 6 de novembro, no Auditorio Municipal de Val do Dubra, onde ás 20:30 horas terá lugar a derradeira charla do ciclo. A iniciativa, promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral da Lingua, busca difundir o valor cultural da toponimia galega e fomentar a participación cidadá na súa salvagarda a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
O coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, será o encargado de impartir esta duodécima sesión de 2025, nun acto que contará coa presentación do alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz Méndez.
Durante o encontro, a veciñanza poderá descubrir a orixe e o significado dos nomes das súas parroquias e aldeas e aprender como contribuír á preservación dos microtopónimos locais —as voces que designan montes, leiras, fontes ou camiños— mediante o uso da aplicación Galicia Nomeada.
No caso de Val do Dubra, xa se realizara unha primeira recolleita da microtoponimia entre 2000 e 2011, dentro do Proxecto Toponimia de Galicia, período no que se compilaron arredor de 4.000 nomes. O obxectivo actual é completar ese rexistro inicial, corrixir erros de localización e engadir novos materiais, como audios coa pronuncia dos topónimos e fotografías de elementos patrimoniais que enriquezan as fichas dispoñibles no visor da plataforma.
Entre os colectivos locais, destaca o interese mostrado pola Asociación Vento Libre da parroquia de San Román, que xa expresou a súa vontade de participar neste labor de documentación e memoria.
Feijoo explicará tamén a etimoloxía de algúns nomes destacados do municipio, como Dubra —un hidrónimo de orixe prerromana, vinculado coas raíces célticas dubron ou dubrā, co significado de ‘auga’ e emparentado co irlandés antigo dobur e o galés dwfr—, ou Buxán, derivado do nome persoal latino Busius (Busianus), moi frecuente en Galicia desde o século X.
GALICIA NOMEADA
A plataforma Galicia Nomeada permite que calquera persoa poida rexistrar nomes da súa contorna que forman parte da memoria colectiva e do patrimonio inmaterial galego. A través da aplicación pódense tamén achegar fotografías, lendas ou descricións e completar a información existente sobre cada topónimo. O material enviado pola cidadanía é revisado e validado polo equipo técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que garante a súa corrección e coherencia.
Dende a súa posta en marcha en 2017, o programa ‘Toponimízate’ percorreu máis de cen concellos galegos —Val do Dubra será o número 108—, ademais de centros educativos, asociacións culturais e de maiores, co obxectivo de implicar a sociedade galega na protección dos nomes da terra.
A campaña continuará en 2026, cunha nova serie de sesións divulgativas noutros doce concellos galegos, reafirmando o compromiso da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua coa preservación da toponimia tradicional, un dos alicerces da identidade cultural de Galicia.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

