InicioSANTIAGOAMESO Xeodestino Terras de Santiago publica os seus primeiros mapas turísticos para...

O Xeodestino Terras de Santiago publica os seus primeiros mapas turísticos para promocionar os once concellos do territorio

Os novos folletos inclúen información sobre o patrimonio, os Camiños de Santiago, os mercados locais e as principais paraxes naturais

Publicado o

Xornal de Compostela

O Xeodestino Terras de Santiago vén de dar un paso importante na súa estratexia de promoción con a edición dos seus primeiros mapas turísticos, que xa están dispoñibles de balde en oficinas de turismo, edificios municipais, establecementos hostaleiros e restaurantes dos once concellos que integran este territorio. Trátase dunha ferramenta de difusión coa nova imaxe corporativa da entidade, deseñada para ofrecer ao visitante unha panorámica completa dos recursos turísticos do destino.

Segundo explicou José Antonio Marcote, voceiro do Xeodestino, os novos mapas recollen “información sobre os elementos patrimoniais de interese, o trazado dos diferentes Camiños de Santiago que cruzan o territorio e tamén as datas e localizacións dos mercados de proximidade”, reforzando así a aposta polo sector primario como eixo diferencial da oferta gastronómica e turística.

O Xeodestino Terras de Santiago engloba os concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra. Estes municipios conforman un espazo diverso no que conflúen ata cinco rutas xacobeas: a Vía da Prata, que chega por Boqueixón e Vedra; o Camiño Portugués, que pasa por Padrón, Rois e Teo; o Camiño de Fisterra e Muxía, que percorre Ames, Negreira e Santa Comba; a Ruta do Mar de Arousa e Ulla, con final en Padrón; e o Camiño da Ría de Muros e Noia, que atravesa Rois, Brión e Ames.

Estes itinerarios deixaron pegada na forma de mosteiros, igrexas, cruceiros e espazos naturais vencellados á tradición xacobea, como o convento de Herbón, o Pedrón, ou o Pico Sacro, cume mítico asociado ao traslado dos restos do Apóstolo. O patrimonio relixioso complétase cun destacado conxunto de bens civís e naturais: pazos como o de Cotón, Santa Cruz de Ribadulla, O Faramello ou A Peregrina, pontes históricas como Pontemaceira ou Pontevea, ou enclaves arqueolóxicos como a Pedra do Home, en Santa Comba.

Os mapas tamén salientan zonas recreativas e fervenzas, convertidas en puntos clave da visita para o turismo de natureza: entre elas, as do Pozo Negro (Brión), Pereiro (Vedra), Castriz (Santa Comba), Tella (Teo), Codeso (Boqueixón) ou Rexedoiro (Val do Dubra).

Esta acción súmase á campaña ‘O fío verde’, celebrada en maio, que puxo en contacto produtores locais de alimentos ecolóxicos con restauradores da contorna, favorecendo a creación de redes e proxectos compartidos. Os mapas informan sobre os principais mercados de venda directa, como os semanais de Bertamiráns, Brión, Negreira, Padrón ou Os Tilos, e outros de carácter máis ocasional en Lestedo, A Baña, Santa Comba, Val do Dubra ou Vedra.

A iniciativa, promovida en colaboración con Turismo de Galicia, busca facilitar a planificación de visitas e incrementar a estancia media dos viaxeiros. Como avanzou Marcote, os mapas forman parte dunha estratexia máis ampla que incluirá a creación dunha plataforma dixital cun calendario actualizado de actividades culturais, sociais e de lecer en todos os concellos do xeodestino. Unha aposta pola conectividade e accesibilidade da información, destinada a facer da visita a estas terras unha experiencia completa e sostida no tempo.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

O BNG de Teo denuncia que o Goberno de Lucía Calvo deixou sen executar tres millóns de euros en investimentos durante 2025

O BNG de Teo denunciou que o Goberno municipal do Partido Popular, encabezado pola...

“A morte de Maricarmen é un asasinato da violencia rentista”, din os acampados en Compostela

As persoas mozas acampadas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, atribúen á...

O CiMUS de Santiago lidera un proxecto europeo para desenvolver novas terapias contra os tumores cerebrais

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here