O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, instou ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta a informar “de inmediato” sobre como pensa resolver o caos na rede de Centros Socioculturais, tras a suspensión da maioría das actividades programadas e pagadas polos usuarios. Segundo o edil popular, a situación responde a unha “falta total de coordinación e previsión” que estaría afectando á maior parte dos centros municipais.
De la Fuente lembrou que o seu grupo xa advertira desta posibilidade e que a empresa concesionaria solicitara hai un ano a rescisión do contrato, ante as dificultades para continuar coa prestación dos servizos. O Pleno de decembro de 2024, engadiu, aprobara unha moción do PP para garantir a continuidade das actividades mentres non se formalizasen os novos contratos, pero “o goberno nin actuou nin foi quen de prever o problema”.
O concelleiro acusou o executivo de “manter o departamento sumido no caos” desde o inicio do mandato, por carecer de contratos axeitados ás necesidades técnicas e económicas da rede. “Algunhas empresas pediron rescindir o contrato porque resultaba deficitario, e o goberno limitouse a prorrogalo, o que agravou a situación”, afirmou.
Segundo o edil popular, os traballadores non perciben as súas retribucións e as empresas non queren seguir prestando servizos, o que derivou en que os veciños “non reciban as actividades que xa pagaron”. Por iso, o PP esixe a devolución inmediata das cotas ás persoas afectadas e critica que o Concello “cobre por adiantado moi rápido, pero tarde un ano en devolver o indebidamente cobrado”.
De la Fuente tamén advertiu sobre as deficiencias da nova licitación, recentemente publicada, ao considerar que a súa estrutura “non está xustificada”. O popular reprocha que se pasara de catro lotes a tres, ao integrar o servizo de novas tecnoloxías co de animación sociocultural, “incumprindo o principio de división en lotes” que recolle a Lei de Contratos do Sector Público.
O edil afirmou que esta unificación “podería obrigar ás empresas a subcontratar parte do servizo, o que redundará na súa mala calidade”. “O goberno local antepón os seus intereses aos dos usuarios, e agora son estes quen pagan as consecuencias coa cancelación das actividades”, engadiu.
Por último, De la Fuente reclamou á alcaldesa Goretti Sanmartín que “asuma en primeira persoa a xestión deste departamento” e responda directamente ante os veciños sobre cando se lles devolverán os importes correspondentes a servizos non prestados.

