InicioCULTURADe Ninghures: "A música en galego é un puzle no que encaixan...

De Ninghures: “A música en galego é un puzle no que encaixan pezas de distinta cor”

Hadrián García, membro de 'De Ninghures' debulla o lugar do grupo no actual panorama da música en galego e reflexiona sobre a lingua e os prexuízos arredor da tradición

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A banda De Ninghures actúa hoxe ás 22:25 na Sala Capitol, no marco do SiSons Festival. Horas antes do concerto, Xornal de Compostela fala con Hadrián García (clarinete e duduk) sobre o espazo que ocupa o grupo no actual panorama, a convivencia entre a raíz tradicional e as sonoridades urbanas, o papel da lingua e o que pode agardar o público compostelán.

Vós xa sodes un nome consolidado na música galega e en galego. Como sentides que encaixades neste panorama? Que peza sodes dese gran puzle?

Somos unha peza máis dese puzle, que hoxe é moi variado. Antes buscabamos xuntar pezas da mesma cor, agora a música galega xa non quere xuntar só pezas iguais. Dentro dese puzle de mil ou dúas mil pezas, están a unirse cores e formas distintas. A música galega viviu un momento de apertura —por extensión tamén co noso grupo— sacou prexuízos e abriu a experimentar, moito máis ca antes. Non somos unha peza principal nin importante: déronnos a oportunidade e cada vez chega máis xente que antes nin sequera escoitaba música galega e agora entra nos nosos circuítos.

Credes que moita xente descubriu a música galega grazas a vós?

Por exemplo, fixemos unha colaboración con Ortiga. Hai público específico de Ortiga e un público específico de De Ninghures, e estamos conseguindo cruzalos. Quen era máis reacio a certos ambientes máis verbeneiros, chega ao noso, e ao revés. Tamén pola presenza en festivais ‘indies’: entramos nunha leira pouco explorada, e xente dese mundo, ás veces máis comercial, acaba chegando á nosa música e á música en galego. Nas entrevistas saen referentes: se dicimos Guadi Galego, alguén pensa: “vou botar eu o ollo”. Entre todas as canles —plataformas dixitais incluidas— moita xente adéntrase na música en galego, sexa do xénero que sexa.

Iso axuda a normalizar, mesmo se a lingua vive un momento delicado. Igual vivimos nunha burbulla, pero nos colexios fálannos de que os nenos escoitan moito a nosa música e outra en galego, a ver se iso axuda a normalizar a lingua e a ver que é útil para calquera ámbito da vida.

A lingua galega semella ir a menos, mais a música en galego está en auxe. Como se explica?

O tema xa saíu varias veces. A música en galego triunfa, tamén fóra de Galicia, pero a lingua esmorece. Moita xente consume música en galego e anímase a cantala, pero no día a día non a aplica. Alguén pode escoitar e cantar en galego como eu escoito os Beatles en inglés: non por iso falo inglés no cotián. Chegamos a público non galegofalante. Pode que cante as nosas cancións, pero aínda non se pasa ao galego no día a día nin o utiliza máis. Eu creo que vai por aí.

Tamén será un éxito que xente que nunca fala galego escoite as vosas cancións, non?

Si, ou que aprendan palabriñas. Temos unha brincadeira co nome. ‘De Ninghures’ leva ‘gh’, e moita xente pon ‘j’, que non existe en galego. Nas cancións metemos trazos dialectais: compañeiros da Fonsagrada meten os seus ‘tus’, ‘cuartos’, ‘informacióis’. Eu son de Carballo e Berxantiños e meto os meus. Iso axuda a normalizar e a que a xente vexa como se di en cada zona.

Falades desa mestura de tradición con ritmos doutras músicas. Por que romper fronteiras?

Porque xa se fixo sempre. A música galega sobreviviu adaptándose aos contextos: pasouse de tocar muiñeiras e xotas estendidas pola península, ou valses e rumbas que chegaban de Centroeuropa ou Sudamérica.

Non facemos nada novo: mesturamos cos xéneros actuais. Antes mesturábanse co que traían as viaxes e a emigración, agora mesturamos co que chega polas plataformas dixitais. Criámonos con Milladoiro, Luar na Lubre, Berrogüetto… Pero vivimos no século XXI, hai moitos estímulos e a nosa música de raíz, aprendida en asociacións culturais, coquetea con novos ámbitos.

E as fontes orais? Como vos inflúen?

En De Ninghures somos xente de sitios moi distintos: xente de conservatorio, de escolas de música e de asociacións culturais… Moitos aprendemos bailando, pandeireta, gaita… E picounos saber de onde saía todo: ir en coche ás aldeas, preguntar como se divertía a xente e facer recollida de campo. Fixémola in situ e bebemos de arquivos de quen veu antes: anos 80 e 90, sobre todo o Arquivo do Museo do Pobo Galego, cheo de patrimonio oral e material.

A recollida é crucial: é a cadea de transmisión, de avós a pais, de pais a fillos, que se cortou e logo se reinventou nas asociacións. Agora tamén evoluciona: hai xente nova como Álex Martínez Míguez ou Miguel Barbazán Lesta que segue indo ao territorio e leva ás redes esa memoria.

Para nós, a raíz é a base de todo: se tocamos unha muiñeira, é muiñeira, aínda que teña aires de rock saharaui; se tocamos unha xota, é xota, mesmo con aires do Cáucaso. Unha cousa non quita a outra.

De que prexuízos fuxides cando falades de tocar e cantar sen prexuízos?

O principal é o prexuízo xeracional: esa mítica frase de “agora a xente nova…”. Escoitámola moitas veces. Pero cada quen fai música no seu tempo. No folk, por exemplo, non foi o mesmo o tempo dos coros (Cantigas e Agarimos, etc.) que a posguerra, co folclore como espectáculo e ao servizo do réxime. Despois chegaron os 80 e 90 coas recollidas e o coqueteo co celtismo (Bretaña, Irlanda, Escocia…). O seguinte paso é ir máis alá desas etiquetas. Os máis maiores recelan do que traen os novos —coma nós faremos mañá—, pero sempre dende o respecto: cada quen que faga a súa historia.

Fálase de tradición como dogma, e as tradicións tamén se inventan e evolucionan. O que hoxe rompe marcos, mañá será tradición. Hai que saír dos manuais e dos dogmas sen desvirtuar nin facer simplismos: vivir o momento e mesturar, se toca, con rock, indie, trap ou reggaetón.

E a música en galego fóra? Funciona?

A música é unha lingua universal. Dános igual facer música en galego se se escoita menos fóra. Demóstrase que se entende: a letra é unha parte, pero a melodía chega. Eu escoito cancións en armenio e encántanme sen entender a letra; ás veces dan ganas de aprender a lingua. E hoxe, se queres entender a letra, é facilísimo. O importante é facer o que nos apetece, sen encorsetamentos de industria. E iso está a pasar en moitos proxectos en galego. Vese verdade, e se a porta non se abre, tírase abaixo. Así chega a visibilidade.

Quería falar sobre o concerto de hoxe. Que pode esperar Compostela e que vos inspira a cidade?

Compostela ten que esperar un ‘feirón’. A feira foi cando estrearmos o disco o 13 de marzo na Capitol. A xente entendeu ben cara onde ía De Ninghures. Agora imos facer un ‘feirón’: ocasión especial, moitas sorpresas e axudantes para montar o posto e amosar todo o xénero.

Santiago é casa: temos tres integrantes de aquí e eu son medio adoptivo. Compostela é confluencia de xentes e ideas, xusto o que simbolizamos. Por iso tocamos comodísimos e sempre hai resposta. Xa tocamos na Capitol para estrear o disco, noutros festis da zona e agora volvemos co SiSons. Sempre hai xente que quere festa e compartir con nós esa feira ou feirón. Pasámolo ben enriba do escenario porque queremos que vós o pasedes ben abaixo.

Hai conexión plena e saímos escoitando berros e aplausos. É unha gozada estar de novo no SiSons. Xa é a segunda vez. Tocáramos na praza de Mazarelos e mellor aínda na Capitol, onde naceu este novo proxecto e presentamos o noso segundo disco. Que mellor lugar!

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

O Museo do Pobo Galego acolle este sábado a clausura da exposición ‘MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II’ cunha xornada especial

O Museo do Pobo Galego celebrará este sábado, 25 de abril, unha xornada especial...

O Centro Dramático Galego esgota as entradas de ‘Hamlet’ ata o final da súa programación

O Centro Dramático Galego completou o aforo para todas as funcións restantes de 'Hamlet'...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here