InicioSen categorizarO Milladoiro contará cun novo colexio a partir do curso 2027/28

O Milladoiro contará cun novo colexio a partir do curso 2027/28

O centro, cun investimento de 11,6 millóns de euros, funcionará baixo o modelo da nova arquitectura pedagóxica da Xunta

Publicado o

Xornal de Compostela

As obras do novo Colexio do Milladoiro comezarán esta mesma semana tras a sinatura da acta de replanteo. O proxecto, que terá un prazo de execución de 18 meses, permitirá que o centro abra as súas portas no curso 2027/28.

O edificio, con 4.886 m² construídos, será o primeiro en Galicia deseñado integramente segundo o Plan de nova arquitectura pedagóxica, que aposta por espazos máis amplos, polivalentes, respectuosos coa contorna e adaptados ao ensino do século XXI. A obra foi adxudicada á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U. e suporá un investimento de máis de 11,6 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

O centro dará resposta á crecente demanda de prazas escolares nun concello en continuo crecemento demográfico como é Ames, que suma poboación especialmente nas áreas limítrofes con Santiago.

DISTRIBUCIÓN E ESPAZOS DO NOVO CENTRO

O colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, ademais de catro para apoio e desdobre de grupos, aula de música, sala de usos múltiples e un Polo Creativo. O deseño inclúe un foro central multifuncional, pensado como espazo de aprendizaxe aberto e conectado ao patio a través dunha gran fiestra.

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior, mentres que o ximnasio, con dúas alturas, disporá de gradas e vestiarios. Haberá tamén comedor, zona de administración (despachos, conserxería, local para a ANPA) e espazos de servizos comúns.

No exterior, proxéctanse 1.974 m² de zonas cubertas e descubertas, entre elas unha pista polideportiva e espazos específicos para Infantil.

ACCESIBILIDADE E INTEGRACIÓN COA PAISAXE

A construción apostará por volumes baixos e integración na paisaxe, con boa iluminación natural e contacto visual cos patios e xardíns. A accesibilidade será universal e inclusiva, con ramplas, itinerarios libres de obstáculos e sinalética visible tanto no interior como no exterior. Incorporaranse tamén superficies podotáctiles para facilitar a orientación das persoas con discapacidade visual.

O anuncio foi realizado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que destacaron o valor estratéxico deste proxecto para atender á veciñanza máis nova de Ames, en paralelo á promoción de 200 vivendas públicas previstas no municipio cun investimento de 41 millóns de euros.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Erguer convoca unha asemblea na Facultade de Dereito tras a aprobación dos novos horarios do grao

O sindicato estudantil Erguer vén de convocar unha asemblea aberta do estudantado da Facultade...

O PP de Santiago denuncia o deterioro da Rúa do Carballo e reclama actuacións inmediatas

O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, visitou a Rúa do Carballo,...

Compostela inicia a organización dos actos do Orgullo LGBTIQ+ previstos para finais de xuño

O grupo de traballo LGBTIQ+, dependente do Consello Municipal de Igualdade, comezou xa os...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here