InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA USC analiza a propagación de carrachas no Camiño de Santiago nun...

A USC analiza a propagación de carrachas no Camiño de Santiago nun curso de verán

A investigadora Susana Remesar exporá os riscos sanitarios entre O Cebreiro e Santiago nas XVI Leccións Xacobeas Internacionais

Publicado o

Xornal de Compostela

O aumento das picaduras de carracha en distintos tramos do Camiño de Santiago preocupa a peregrinos e profesionais que traballan neste itinerario. A Universidade de Santiago de Compostela abordará esta cuestión na XVI edición das Leccións Xacobeas Internacionais, que se celebrará do 14 ao 17 de xullo na capital galega, dentro do programa de cursos de verán da USC.

Susana Remesar Alonso, investigadora en Sanidade Animal do grupo INVESAGA, pertencente ao Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, presentará un estudo titulado ‘Carrachas no Camiño de Santiago (O Cebreiro – Santiago)’, onde identificará as zonas de maior risco, as especies máis frecuentes e os perigos asociados á súa picadura. Tamén ofrecerá consellos prácticos para previr, detectar e actuar ante unha picadura, nun contexto de especial vulnerabilidade para os peregrinos.

A súa intervención terá lugar na mañá do martes 15 de xullo, nunha sesión centrada en proxectos de investigación financiados pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, entidade organizadora das xornadas xunto á USC. O curso recoñecerá 2 créditos ECTS para o alumnado de grao e 10 horas de formación para estudantes de doutoramento da universidade compostelá.

A matrícula continúa aberta ata o 4 de xullo e pode formalizarse a través da web da USC ou presencialmente nos departamentos de Cultura dos campus de Compostela e Lugo. O prezo xeral é de 120 euros, con tarifa reducida de 70 euros para estudantes, persoas desempregadas, pensionistas ou membros da comunidade universitaria.

Ademais de Remesar, o encontro contará coa participación de expertos de renome, como Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático da Universidade de Barcelona, quen abrirá as sesións cunha conferencia sobre os centros de peregrinación no Mediterráneo medieval. Tamén estará presente Maryjane Dunn, profesora en Minnesota e tradutora ao inglés do Códice Calixtino, que abordará os contidos da que se considera a primeira guía de viaxes do Camiño.

A perspectiva de xénero tamén estará presente da man da medievalista María Álvarez Fernández, da Universidade de Oviedo, que falará do papel das mulleres na peregrinación medieval, e da investigadora María Belén Pucci González, que analizará a representación feminina nas películas sobre o Camiño.

A programación completarase con mesas de debate, proxeccións audiovisuais, visitas guiadas ao patrimonio compostelán e unha andaina pola ruta do Camiño Primitivo ata A Fonsagrada, que inclúe unha parada na cascada da Seimeira de Vilagocende. Entre os guías estará o divulgador Manuel F. Rodríguez, da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago.

As Leccións Xacobeas Internacionais están dirixidas polos profesores da USC Domingo González Lopo e Miguel Taín Guzmán, especialistas en historia relixiosa e historia da arte, e consolidáronse como un foro de referencia para a reflexión e divulgación arredor do fenómeno xacobeo e o seu impacto cultural e patrimonial.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here