InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOMozos cristiáns europeos emprenderán peregrinacións en xuño para preparar o Xacobeo 2027

Mozos cristiáns europeos emprenderán peregrinacións en xuño para preparar o Xacobeo 2027

A iniciativa 'Roma 25 - Santiago 27 - Xerusalén 33' busca reconectar Europa coa súa tradición cristiá mediante camiñadas, actos simbólicos e un manifesto conxunto

Publicado o

Xornal de Compostela

Durante todo o mes de xuño, mozos cristiáns de diversos países europeos realizarán peregrinacións locais no marco da iniciativa continental ‘Roma 25 – Santiago 27 – Xerusalén 33’. Trátase dun proxecto a longo prazo que ten como obxectivo central reavivar a fe cristiá en Europa e que mira xa cara o Ano Santo Compostelán de 2027.

Segundo informou a Conferencia Episcopal Española, esta iniciativa está centrada nun triplo eixo: peregrinación, evangelización e sanación, co propósito de ofrecer un percorrido tanto físico como espiritual por camiños históricos do cristianismo. O movemento baséase en itinerarios simbólicos como o Eixo Micaélico, que une lugares de culto dedicados ao Arcanxo San Miguel desde Irlanda ata Xerusalén, pasando por puntos como Santiago de Compostela.

No transcurso deste mes de xuño, os participantes camiñarán por diferentes tramos europeos, redescubrindo santuarios, arte relixiosa e espazos patrimoniais, coa intención de “reconectar Europa coa beleza, a verdade e o amor de Cristo”, segundo manifestan os impulsores.

A culminación destas camiñadas locais terá lugar o 1 de agosto de 2025, cando se proclame en Roma, na basílica de Santa María in Trastevere, o Manifesto dos Mozos Cristiáns de Europa. Antes, en xullo, o texto será publicado dixitalmente para a súa lectura e sinatura por parte da mocidade interesada. O obxectivo é que se converta “na declaración xuvenil máis apoiada da historia de Europa”.

Desde a organización defenden que “non se trata só de camiñar”, senón de reencontrarse con Deus e coa identidade cristiá, cun enfoque “valente e alegre” diante dunha sociedade que, afirman, sofre de “distracción, desarraigamento e feridas silenciosas”.

A peregrinación constitúe tamén un espazo para a sanación interior, segundo os organizadores, que destacan o valor espiritual deste proceso colectivo: “moitos camiñamos feridos. Esta peregrinación é tamén un camiño de redención e misericordia”.

A proposta servirá tamén de preparación para o Xubileu da Redención, previsto para 2033, no marco do 2000 aniversario da morte e resurrección de Cristo. Pero en Galicia, a atención xa está posta no Ano Santo 2027, unha nova convocatoria xacobea que volverá poñer o Camiño de Santiago no centro das peregrinacións cristiás de Europa. Neste contexto, iniciativas como esta buscan revitalizar o significado espiritual do Xacobeo máis alá do seu aspecto turístico e institucional.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

O Arquivo da Catedral de Santiago abre as súas portas polo Día Internacional dos Arquivos

O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago abrirá as súas portas á cidadanía entre o...

‘Compostela nocturna, mírame!’ trasládase a Cornes para achegar á veciñanza o futuro proxecto de iluminación da Catedral

A exposición 'Compostela nocturna, mírame!' continúa o seu percorrido pola cidade e instalarase desde...