InicioMOV. SOCIAISMulleres xornalistas debaten na Facultade de Comunicación sobre os desafíos da profesión

Mulleres xornalistas debaten na Facultade de Comunicación sobre os desafíos da profesión

Carlota Corredera, Cristina Rodríguez e presidentas das Asocacións de Xornalistas galegas abordaron as dificultades e retos do xornalismo feminino

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu esta mañá o encontro ‘Mulleres Xornalistas: Unha carreira de obstáculos‘, organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, no que se abordaron os desafíos e dificultades que afrontan as profesionais da comunicación. No evento participaron destacadas voces do sector, como a xornalista Carlota Corredera, actual colaboradora de ’59 segundos’, de TVE; a directora do Diario de Ferrol, Cristina Rodríguez, e as presidentas das Asociacións de Xornalistas de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo.

A presidenta da Asociación de Xornalistas de Santiago, Xulia Campo, quen abriu o acto, explicou a importancia de realizar este tipo de encontros na facultade: “Aquí fórmanse as futuras xornalistas, e é fundamental que coñezan a realidade do sector, non para desmotivalas, senón para darlles ferramentas para enfrontar situacións complexas”. Campo insistiu ademais na necesidade de fortalecer o asociacionismo como resposta ás ameazas crecente na profesión: “Se non estamos unidas, cada vez perderemos máis terreo. Esta profesión é especialmente dura porque expón moito persoalmente”, engadiu.

Durante o debate, tamén se puxo o foco na conciliación laboral e persoal, unha cuestión especialmente complicada no ámbito xornalístico. Tesa Díaz-Faes, presidenta da Asociación de Xornalistas de Vigo, compartiu a súa experiencia profesional, desde os seus inicios en Europa Press ata dirixir o departamento de comunicación do Grupo Nueva Pescanova. Tras sete anos nesta multinacional, decidiu volver á súa propia empresa para mellorar a súa conciliación familiar: “O traballo nunha multinacional era apaixonante, pero eu quería estar máis presente na vida dos meus fillos”, comentou.

Pola súa banda, Doda Vázquez, presidenta da Asociación de Xornalistas da Coruña, destacou a súa traxectoria en medios escritos e o valor do traballo da asociación para apoiar aos profesionais do sector. “Moitas veces non fai falta unha nota de prensa para solucionar conflitos, basta con falar e mediar”, explicou, poñendo en valor o traballo máis discreto pero efectivo da asociación.

A presidenta da Asociación de Xornalistas de Lugo, Carmen Uz, abordou, pola súa banda, as dificultades de compaxinar o xornalismo coas responsabilidades familiares: “Gozo moito do meu traballo, pero tamén quero estar presente para os meus fillos. Ás veces é difícil atopar o equilibrio”, sinalou. Uz apuntou que, malia as dificultades, o xornalismo segue sendo unha profesión apaixonante e necesaria para a sociedade: “É fundamental que as noticias se conten con veracidade e rapidez, porque o xornalismo cumpre un papel esencial nas sociedades democráticas”.

Posteriormente deuse paso ás dúas xornalistas convidadas, ás que as presidentas fixeron preguntas durante o resto do acto. As convidadas relataron así a súa experiencia profesional.

Cristina Rodríguez, actual directora do Diario de Ferrol, explicou os seus inicios: “Empecei colaborando en El Ideal Gallego, cando a miña irmá estudaba xornalismo (eu estudei Filoloxía Hispánica), despois na sección de Cultura e finalmente fundouse o Diario de Ferrol. 25 anos despois, coincidindo co aniversario do cuarto de século, comecei a dirixilo’.

Pola súa banda, Carlota Corredera, presentadora e directora de televisión, lembrou os seus comezos en medios escritos: “Empecei tamén en prensa escrita, en La Voz de Galicia e en Diario 16. Cando din o paso á televisión fun presentadora de varias edicións de Sálvame, cando foi o boom de todos estes formatos en Mediaset. Dende 2023 son presentadora ademais do videopodcast Superlativas”. Corredera recoñeceu que a súa traxectoria profesional deu moitas voltas, pero non cambiaría a súa decisión: “Esta é unha profesión moi vocacional e venenosa, pero volvería estudar esta carreira porque é a mellor”.

UNHA PROFESIÓN DE VOCACIÓN E DE OBSTÁCULOS

Preguntadas sobre se o xornalismo foi casualidade ou vocación, Rodríguez afirmou: “Eu non son xornalista. Estudei Filoloxía Hispánica. Pero dende logo é vocacional: encántame o xornalismo local. Aos veciños gústalles ver as súas historias no xornal”. Corredera, pola súa banda, recoñeceu: ‘Eu en Mazarelos víame como correspondente en Nova York, pero dende que fun nai tiña claro que tiña que ter unha responsabilidade coa miña filla. É o noso destino ao final o que nos leva”.

En canto ás dificultades por ser mulleres, Corredera relatou unha anécdota significativa: “Na miña carreira tiñas que facer créditos obrigatorios de prácticas. Chamáranme para facer prácticas na TVG de Deportes. Non me contrataron por ser muller, porque xa había moitos e precisaban voces masculinas”. Ambas coincidiron en que, a pesar de que o xornalismo é unha carreira maioritariamente feminina, as oportunidades de promoción seguen sendo un reto. Corredera engadiu: “Os sinaturas que aparecen na portada dos xornais son de homes. As mulleres parecemos estar relegadas aos breves”.

A pesar destes desafíos, as convidadas concordaron en que o xornalismo segue sendo unha profesión única e que, a través de iniciativas coma esta, é posible dar visibilidade ás dificultades pero tamén ás oportunidades para as novas xeracións de xornalistas en toda Galicia.

ÚLTIMAS

Alberto Cabada asume o decanato de Matemáticas da USC con ilusión e confianza no futuro

O profesor Alberto Cabada Fernández tomou posesión este venres como novo decano da Facultade...

Cáritas de Santiago atende a máis de 46.000 persoas en 2024, un 8% máis que o ano anterior

Cáritas Diocesana de Santiago destacou que atendeu a 46.512 persoas en 2024, un incremento...

Detidas 16 persoas pola estafa do “falso sicario” a usuarios de páxinas de citas

A Policía Nacional detivo 16 persoas no marco da 'Operación Bachata', entre elas dúas...

GIG-Saúde denuncia “sobrecarga de traballo e saturación dos servizos” na área sanitaria

A CIG-Saúde de Santiago denunciou que a falta de medidas por parte da Xerencia...

GIG-Saúde denuncia “sobrecarga de traballo e saturación dos servizos” na área sanitaria

A CIG-Saúde de Santiago denunciou que a falta de medidas por parte da Xerencia...

O fiscal xefe de Santiago fará folga ante as reformas do Goberno

O fiscal xefe de Santiago, Antonio Roma, anunciou este luns durante o comezo dun...

Constitúese en Compostela o proceso ‘Lingua Vital’ para reactivar a normalización do galego

A proposta xorde como resposta á preocupación compartida polo retroceso no uso do galego,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here