InicioSANTIAGO(FOTOS) Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela en defensa do galego

(FOTOS) Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela en defensa do galego

A mobilización, convocada por Queremos Galego, reclama medidas urxentes ante a "emerxencia lingüística extrema"

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Miles de persoas participaron este domingo en Santiago de Compostela na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego para reclamar medidas que garantan a vitalidade do galego e denunciar o que cualifican como unha “emerxencia lingüística extrema”. A protesta, baixo o lema “Lingua vital xa!”, partiu da Alameda compostelá ás 12:00 horas e percorreu as rúas ata a Praza do Obradoiro, onde se leu un manifesto en defensa da lingua.

“OUTRA LECCIÓN DE DIGNIDADE”

O portavoz da plataforma convocante, Marcos Maceira, asegurou que esta nova mobilización serve para “dar outra lección de dignidade ao Goberno galego”, á vez que criticou a reacción da Xunta tras as protestas de novembro. Segundo Maceira, as medidas anunciadas polo goberno autonómico limitáronse a “comisións opacas” sen un “proceso plural e participativo”.

“Se a Xunta quere tomar medidas reais, debe comezar por cumprir os acordos existentes e abrir un diálogo amplo con todos os sectores implicados”, insistiu o portavoz de Queremos Galego.

PONTÓN PIDE “DEIXAR ATRÁS AS POLÍTICAS LINGÜICIDAS”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén participou na mobilización e reivindicou que esta marcha “ten que significar un punto e aparte para deixar atrás as políticas lingüicidas do PP”. Pontón acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “negar a realidade e manipular os datos oficiais”, e instouno a escoitar a mensaxe da sociedade galega.

“Hoxe é o día de Rosalía e estamos aquí para celebrar o orgullo de ter unha lingua propia. Galicia está en pé para defender que queremos seguir vivindo en galego”, declarou. Ademais, lembrou que xa existe un marco de consenso para a defensa do idioma, en referencia ao Plan Xeral de Normalización Lingüística, que acusou o PP de romper.

BESTEIRO: “SEN LINGUA NON HAI PAÍS”

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sumouse á protesta e pediu ao goberno galego “escoitar a mensaxe clara” da cidadanía.

“Non é unha mobilización contra ninguén, senón a favor da lingua”, afirmou, á vez que reivindicou a necesidade de “protexer, preservar e potenciar” o galego. Besteiro sinalou tamén que a responsabilidade de garantir o futuro do idioma recae na Xunta e instou ao PP a asumir o seu papel na defensa do patrimonio lingüístico galego.

CRÍTICAS Á XUNTA E PETICIÓNS DE CAMBIO

A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, asegurou que “o galego ten futuro porque o pobo ten dignidade”, e agradeceu o apoio de delegacións de Cataluña, Euskadi e da Rede Europea polas Linguas.

“O único e verdadeiro pacto pola lingua está hoxe aquí, nas rúas, con miles de persoas, centos de colectivos sociais e decenas de concellos comprometidos co galego”, afirmou.

Ademais, insistiu en que a Xunta “sabe como rectificar”, instándoa a cumprir os acordos lingüísticos vixentes e a aplicar medidas concretas no ensino, na cultura e na administración pública.

Entre as voces máis sorprendentes estivo a de Daniel Chapela, excoordinador de Cultura do PPdeG e que dimitiu do seu cargo o pasado mes de novembro, quen criticou que “se exclúan entidades culturais relevantes das negociacións” sobre a política lingüística e pediu que se abandone a inacción neste ámbito.

A manifestación concluíu coa lectura dun manifesto no Obradoiro, onde os organizadores reiteraron a súa petición dun compromiso firme das administracións para garantir a presenza do galego en todos os ámbitos da sociedade.

ÚLTIMAS

Crujeiras admite que “non hai solución” para recuperar este ano os contratos Ramón e Cajal perdidos pola USC

A Universidade de Santiago de Compostela non contará este ano con contratos do programa...

Miles de docentes mobilízanse en Santiago na sexta folga do curso para reclamar melloras no ensino público

Miles de docentes e estudantes percorreron este martes o centro de Santiago de Compostela...

Raquel Sendón, nova decana da Facultade de Farmacia da USC

A catedrática de Nutrición e Bromatoloxía Raquel Sendón García foi elixida nova decana da...

O PP propón que Santiago aspire ao selo de ‘Cidade Amiga da Infancia’ de UNICEF

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, instou ao goberno municipal de...

Crujeiras admite que “non hai solución” para recuperar este ano os contratos Ramón e Cajal perdidos pola USC

A Universidade de Santiago de Compostela non contará este ano con contratos do programa...

Raquel Sendón, nova decana da Facultade de Farmacia da USC

A catedrática de Nutrición e Bromatoloxía Raquel Sendón García foi elixida nova decana da...

O Sergas confirma cinco sanitarios contaxiados por sarna no Hospital de Conxo

A área sanitaria de Santiago e Barbanza do Sergas confirmou un novo caso de...