InicioSANTIAGOAMESA cuarta edición de 'Enfoca Ames' fomenta a descuberta do patrimonio local...

A cuarta edición de ‘Enfoca Ames’ fomenta a descuberta do patrimonio local a través da fotografía

O certame repartirá premios en tres categorías e busca destacar o patrimonio natural, artístico e cultural do concello

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), en colaboración co Concello de Ames, organiza a cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, un certame que busca promover o coñecemento do patrimonio natural, artístico e cultural deste municipio. As persoas participantes deberán enviar unha fotografía que reflicta algunha destas dimensións do concello. A inscrición no concurso é gratuíta, e o prazo de presentación das imaxes estará aberto dende o 11 de outubro ata o 10 de novembro de 2024.

A presentación oficial do certame tivo lugar esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; e representantes da Xuntanza de Empresarios, como o presidente Ramón Cordido e a xerente Beatriz López. Durante o evento, destacouse o obxectivo deste concurso de fomentar a conexión dos veciños co patrimonio de Ames, incentivando a participación tanto de fotógrafos afeccionados como profesionais.

Blas García, alcalde de Ames, subliñou que “este certame, que chega xa á súa cuarta edición, ten como fin promocionar o concello a través da fotografía. Este ano, eliminouse a categoría de macrofotografía e creouse a de patrimonio, co obxectivo de visibilizar elementos como igrexas, pontes e festividades tradicionais”. Ademais, García explicou que ao remate do concurso, as imaxes seleccionadas formarán parte dunha exposición aberta ao público, contribuíndo a construír un banco de imaxes do concello.

Pola súa banda, o concelleiro Javier Antelo animou á cidadanía a participar no concurso, afirmando que “Ames ten moitos recunchos fermosos que merecen ser capturados. Este concurso permite que os veciños e visitantes descubran o valor paisaxístico e cultural que temos”. Antelo tamén destacou que, na categoría artística, a interpretación das imaxes é máis subxectiva, ofrecendo a posibilidade de manipulación e edición das fotografías, o que permite transmitir unha visión persoal do patrimonio de Ames.

As categorías do concurso inclúen paisaxe, patrimonio e artística. Na categoría de paisaxe, as imaxes deben amosar espazos naturais ou intervencións humanas no medio. Na nova categoría de patrimonio, os participantes deberán fotografar elementos materiais ou inmateriais do concello, como igrexas, muíños ou tradicións. Na categoría artística, as imaxes poden ser editadas e manipuladas para crear representacións máis creativas e subxectivas da realidade.

As persoas interesadas poden enviar as súas fotografías, xunto coa ficha de inscrición, ao correo enfocames@gmail.com. Ademais, as imaxes presentadas poderán ser compartidas nas redes sociais de Xuntanza de Empresarios de Ames, co hashtag #enfocames, e incluídas nunha exposición final.

PREMIOS

O concurso repartirá tres premios por cada categoría: o primeiro posto recibirá un cheque de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros, todos para gastar no comercio local de Ames. Por primeira vez, ademais, os gañadores recibirán un galardón especial, que tamén foi presentado durante o acto. Os resultados do certame serán publicados o 19 de novembro nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames, e os gañadores serán notificados por teléfono.

Con esta iniciativa, o Concello de Ames e a Xuntanza de Empresarios buscan consolidar un proxecto cultural que non só promove o comercio local, senón que tamén contribúe a fortalecer o sentimento de comunidade a través da arte e a fotografía.

ÚLTIMAS

Os novos contratos de alugueiro en Santiago non poderán subir o prezo coa declaración de zona tensionada

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, explicou tras a Xunta...

A carreira SantYago 10K reunirá ata 2.000 participantes o 30 de maio nun percorrido nocturno por Santiago

A cidade de Santiago acollerá o vindeiro 30 de maio unha nova edición da...

Verea denuncia atrasos nos pagos do Concello e propón reducir o prazo medio en 30 días no primeiro ano

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, advertiu este luns sobre o...

Muíños denuncia atrasos e deficiencias nas obras da DP-7804 e na senda de Figueiras

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños advertiu das queixas reiteradas da veciñanza ante o...

O BNG de Ames reclama destinar terreos municipais de Bertamiráns á construción de vivenda pública

O Bloque Nacionalista Galego de Ames defenderá no pleno ordinario de abril unha iniciativa...

O IES do Milladoiro conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano cunha xornada educativa e cultural

O alumnado do IES do Milladoiro, no concello de Ames, celebrou na mañá do...

Morre unha muller de 96 anos ao caer a un pozo en Ames

Unha muller de 96 anos faleceu en Ames ao caer a un pozo na...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here