HomeM. AMBIENTE E PATRIMONIOAldara Cidrás: "Os rótulos son para min o vehículo para transmitir a...

Aldara Cidrás: “Os rótulos son para min o vehículo para transmitir a historia de Santiago”

A historiadora Aldara Cidrás investigou a través do seu proxecto Compostela (etno)gráfica, os rótulos do casco histórico de Santiago

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Aldara Cidrás (Vigo, 1994) é graduada en Historia pola USC, máster en Historia Contemporánea pola mesma universidade e doutora neste campo. É ademais a creadora do proxecto Compostela (etno)gráfica, no que cataloga e contextualiza os rótulos do casco histórico de Santiago, que forman parte do patrimonio da cidade.

Dende a publicación de Compostela (etno)gráfica, como cres que influíu na percepción de veciños e comerciantes? Cres que existe un interese maior pola preservación dos rótulos?

Eu creo que si. Compostela é un lugar que ten moito cariño polo seu patrimonio e ten moita autoconsciencia do seu valor patrimonial. A propia boa recepción que tivo o proxecto entre o público é mostra disto. Ao mellor non había unha ferramenta que vehiculizase esta querenza polo seu patrimonio, pero recibiuse moi ben.

Nótase moito todo este valor a través de redes sociais ou nas charlas e entrevistas que dou. A recepción é moi positiva. É un valor de algo no que moita xente se fixaba, pero que se cadra non sabían que era unha cuestión colectiva. Había máis xente como eles e elas fixándose niso, e de repente estabamos todas mirando case de esguello os rótulos.

Creo que ten tamén un punto de experiencia colectiva, que se comparte a través do proxecto e que é moi lindo.

Houbo algunha iniciativa ou proposta concreta por parte das administracións locais ou rexionais para a protección e conservación dos rótulos?

Pois de momento desafortunadamente, non. Este proxecto de investigación nace cunha axuda da Deputación da Coruña. Agora estou en contacto co consorcio de Santiago de cara a idear novas formas de que o proxecto chegue a outra xente. E ogallá o Concello, que eu creo que é quen ten que estar tamén detrás disto, poida recoller a ferramenta. O malo do proxecto é que senón se queda conxelado no tempo. Este é un proxecto que necesita apoio institucional para que se converta nalgo máis que un traballo historiográfico.

Como se botou a andar este proxecto e como evolucionou ata rematarse?

Sempre digo que o proxecto nace como unha carta de amor á cidade. Así devólvolle esa benvida. Levo xa máis de 10 anos na cidade, síntome moi integrada e non me gustaría marchar.

Ademais, nestes 10 anos eu vivín sempre no casco histórico, que creo que tamén é algo importante no proxecto. Eu sempre fago público o meu labor como investigadora, pero tamén como veciña do casco histórico, que vive ao longo desta década as mudanzas radicais que estamos vivindo nos piares socioeconómicos do barrio.

Antes de ser proxecto, empézome a fixar na rotulación cun ollar máis demorado e consciente.

Cando eu estaba na carreira trouxen a vivir comigo á miña cadeliña, que era xa moi maior e agora xa faleceu. De repente teste que adaptar aos ritmos de vida dun animal maior e deixo de pasear dun punto a outro, comezando así a observar a paisaxe urbana. Entón empezo a reparar nos rótulos, que me chamaban moito a atención, sobre todo no casco histórico. Eu veño de Vigo, onde este tipo de rotulación non é algo tan habitual. Vigo é unha cidade nova e cando vés de fóra ves con outros ollos o de aquí.

Comezo entón a buscar se había cousas publicadas sobre o tema. Ademais sempre me gustou a fotografía, aínda que de xeito amateur… Empezo a xogar entón coa cuestión dos rótulos como tema para fotografar.

Vai pasando o tempo e decido no 2022 presentar este proxecto, que eu considero que tiña potencialidade como proxecto de investigación académica e historiográfica, ás bolsas que oferta a Deputación da Coruña. Eu presento así un proxecto de investigación e análise da rotulación xa desaparecida no século XX en Compostela, e por outro lado, un catálogo desta rotulación, que ten unhas características “tradicionais”.

Presentei tamén un proxecto de divulgación que encarreirei tamén a través de redes sociais e esa foi a xenealoxía de Compostela (etno)gráfica.

Rótulo do bar O ríncón do Porrón, sito na rúa da Algalia de Arriba – @compostela_etnografica
Rótulo da Farmacia Gómez Ulla, sita na Rúa da Porta Faxeira – @compostela_etnografica
No proceso de elaboración do proxecto que papel xogaron os axentes da cidade?

O proxecto segue vivo, aínda que xa rematou o seu financiamento e polo tanto o traballo exclusivo de investigación. Porén, é agora cando se fai público e comeza a ter feedback doutros axentes sociais.

Durante o traballo de investigación traballei principalmente con fondo documental no Arquivo Histórico Universitario e no Arquivo Municipal de Santiago e é agora cando sei fai público e a xente me comenta.

A investigación creo que sempre é algo aberto e creo que debemos ter tamén esa disposición receptiva ás investigadoras e a aceptar que os nosos proxectos viven e seguen medrando cando os poñemos a disposición pública, porque nunca se rematan. E pasa con este proxecto dos rótulos e pasa con moitos outros.

Este é un proxecto que ademais trata un tema moi concreto.

Si. Este proxecto é unha cousa moi concreta, pero moitas veces os elementos concretos permítennos vehicular conversas moito máis amplas, que eu creo que é tamén o acerto do proxecto. O proxecto vai de rótulos, pero vai de moito máis: vai da historia de Compostela, vai das nosas historias persoais, do noso presente e do noso futuro. Tamén creo que é por iso polo que a xente conecta con el.

Os rótulos son para min o vehículo para transmitir esta historia. Eu sempre fago explícita a forma na que eu me aproximo a cada rótulo, pero tamén me gusta que a xente faga con el o que queira. Na páxina de Instagram @compostela_etnografica intento non impoñer un punto de vista. Simplemente a propia imaxe é a que fala e ti interprétala como desexes. Eu creo que a xente é suficientemente intelixente como para extraer as súas propias conclusións.

Coñeces outros proxectos similares dentro ou fóra de España?

Si. Todo este revival da gráfica antiga ou vintage é un nicho en redes sociais e eu creo que tamén está vinculado á nostalxia. Entón hai moitos proxectos en España que fotografan rótulos antigos e que mesmo os rescatan. Moitos deles intégranse dentro da Red Ibérica en Defensa del Patrimonio Gráfico, do cal forma parte tamén o proxecto Compostela (etno)gráfica.

Pero o certo é que a investigación nas características na que eu a presento é o único proxecto do que eu teño constancia. Este outro tipo de proxectos o que fan é fotografar ou recoller rotulación, pero non ofrecen ese discurso historiográfico.

Nese sentido, até o que eu coñezo, e lin bastante sobre o tema, é unha investigación única.

Cales son para ti os próximos pasos de Compostela (etno)gráfica?

Eu cando comecei o proxecto, sentín que me levaba el moito máis a min do que eu a el. Nunca imaxinei cando comecei a pasear estas rúas con ese ollar máis demorado que o ía converter nun proxecto de investigación. Cando o convertín neste proxecto non pensei que me ía levar ao Reina Sofía como investigadora residente ou que ía despois ter esa boa recepción entre a xente e tamén entre os medios, permitindo que chegue a máis xente.

Francamente, non sei que vai pasar e non me parece mal. Gustaríame que este tipo de patrimonio estivese protexido polas administracións públicas, que o que fixen eu a título privado e indiviual estivese institucionalizado. Esa labor de recollida de catalogación eu creo que ten que estar posto a disposición pública e non pode depender unicamente dunha investigadora. Ten moito valor e creo que é un valor que lle aporta á cidade.

Cres quizais que coñecer a historia da rotulación podería ser tamén un atractivo turístico?

Sen dúbida. O que pasa é que entramos aí nun terreo complexo. Para min o proxecto me serve para falar de xentrificación e de turistificación, no sentido de que moitos dos locais tradicionais, que eran diversos e aportaban diferentes servizos ao barrio e ás súas veciñas, desaparecen pola turistificación.

Polo tanto, cando desaparece esta diversidade de comercios e servizos, o resultado é que o barrio queda como unha zona de monocultivo única do turismo. Iso é un problema.
Creo que tratar estes temas, que moitas veces son incómodos e polémicos en Compostela con estes obxectos, pois podemos poñer na mesa conversas que moitas veces estarían obstruídas. Eu creo que se falamos exclusivamente de porcentaxes de alugueiros vacacionais fronte alugueiros de longa duración, hai xente que non vai conectar con esta conversa. Porén, con isto outro pois si. Eu creo que por iso aporta nesta conversa.

Entón, eu creo que si, que cando lle amosas á xente que isto é un valor patrimonial eu creo que o entenden. Enténdeo a veciña e enténdeo a turista.

E, de feito, noutras cidades europeas téñense posto actividades, moi puntuais por outra banda, de turismo tipográfico. Sendo residual si que está máis enfocado neste elemento concreto da paisaxe humana. Pero insisto, para min o barrio ten que ser para as veciñas e non soamente para as visitantes.

Quizais ti coñezas os rótulos do casco histórico mellor ca ninguén. Encontras un patrón que os diferencie doutras cidades?

Pois depende. Se falamos desta rotulación máis característica fronte á tradicional, eu creo que poderíamos identificar unha rotulación de ferro forxado, feita por artesáns, que tamén nos permite falar de oficios que están desaparecendo paulatinamente e que se coloca sobre todo de forma transversal ás fachadas, que os rotulos saíntes ou en bandeirola. O tipo de rotulación adosada á parede ten moito máis que ver con profesións liberais. Segue pasando a día de hoxe cos avogados, médicos privados…

Tendo delimitado isto, uns dos máis habituais son os rótulos máis sobrios, bicromados, normalmente de fondo negro con letras brancas, de fondo branco con letras vermellas ou fondo branco e letras negras. Isto tamén o atopamos noutras cidades, pero en Compostela están moi ben conservados.

É sobrio en contraposición a outra segunda variante, que poderíamos dicir que son aqueles rótulos que amosan formas máis características. De aquí a cadaquén se lle virá un á cabeza, pero eu penso na Orella, no Galo, no Gato Negro, no Pozo… Estes son como pequenas esculturas.

Unha variante propia de Santiago son estes que, entrando nos que non teñen unha iconografía característica, si teñen símbolos propios da cidade. Refírome, por exemplo, a cruces de Santiago ou cruces de vieira. É unha cousa moi propia da cidade.

Rótulo do Restaurante A Orella, sito na rúa da Raíña – @compostela_etnografica
Rótulo da taberna O gato negro, sita na rúa da Raíña – @compostela_etnografica
Rótulo do bar O pozo, sito na rúa das Ánimas – @compostela_etnografica
Rótulo do pub O galo d’ouro, sito na rúa da Conga – @compostela_etnografica
Que se atopou de rótulos que xa non están? Se cadra fotografías ou restos físicos…

Esta é unha das miñas grandes penas. Todos aqueles rótulos que se perderon, sobre todo porque algúns se perderon en tempos bastante recentes. Estou falando dos últimos 25 anos. Un pouco por iso, porque ata que hai alguén que che di que isto é patrimonio e o hai que gardar, non te das de conta do valor que tes na casa.

Moitos se perderon porque cambian as formas nas que se anuncian os establecementos ou porque outros elementos, como por exemplo as lonetas, son máis económicos… Este tipo de cuestións son comprensibles

Entón, as fotografías, moitas de xente que estivo facendo o mesmo ca min, pero noutros anos, sacando as súas fotografías, como por exemplo Xaquín Nóvoa. Son fotografías dende os anos 90 para adiante. Son moi recentes para o que eu traballo, que estou falando dende o comezos do século XX.

É unha mágoa porque estiven vendo moitos fondos fotográficos. Santiago é unha cidade moi fotografada de toda a vida. E hai moitos fondos con postais, con fotos das rúas, pero non con fotos dos rótulos. Entón, non se ve ao rótulo.

Hai veces que temos que traballar entón co que nos queda. É un fondo de todos os xeitos moi rico e gustaríame nun futuro poder compartir eses achados.

En canto a restos físicos dos rótulos, tendo preguntado a algúns comercios antigos que cambiaron de rotulación, eles descoñecen sobre os rótulos antigos. Moitas veces por desgraza creo que están no lixo. De feito, aproveito para facer o chamamento de que se hai alguén que teña constancia dalgún material en xeral: fotografías, rótulos… Xa puiden ver as limitacións das fontes que se atopan en arquivos públicos e agora toca coñecer os arquivos privados, que ogallá poidan aportarnos eses elementos que nos faltan.

ÚLTIMAS

Aitor Bouza: “Estou plenamente convencido de que volveremos ter a confianza maioritaria da cidadanía”

Xornal de Compostela entrevista a Aitor Bouza, secretario xeral do PSdeG de Santiago de...

Máis de dez voos cancelados no aeroporto de Santiago por mor da folga de persoal de Iberia

As conexións canceladas no aeroporto de Santiago por mor da folga convocada por persoal de...

A residencia de estudantes do antigo hospital de Galeras custará sobre 900 euros e terá 400 habitacións

A residencia de estudantes do antigo hospital de Galeras, en Santiago, que estará operativa...

A USC homenaxea a Luísa Villalta polo Días das Letras Galegas nun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, calificou de "celebración...

Danos na Praza do Obradoiro tras a actuación de grandes orquestras?

O portavoz do PP local, Borja Verea, demandou ao Concello que faga público "o informe de patrimonio...

Goretti Sanmartín será a presidenta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade a partir do vindeiro 1 de xullo

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade celebrou este sábado a súa asemblea xeral en Eivissa,...

Greenfiber asegura que a nova fábrica de Altri non afectará visualmente ao Camiño de Santiago

Greenfiber afirmou nun comunicado que a súa nova planta de fibras téxtiles en Palas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here