InicioSUCESOSUn acusado dunha agresión en Santiago sostén que a pelexa comezou por...

Un acusado dunha agresión en Santiago sostén que a pelexa comezou por un roubo de droga

O home ferido identificou ante o xurado os dous procesados como autores dos golpes e asegurou que un deles levaba "un bate metálico"

Publicado o

Xornal de Compostela

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña celebrou este venres o xuízo contra dous homes acusados de agredir a un terceiro nunha rúa de Santiago de Compostela, nun episodio polo que a vítima tivo que ser intervida cirurxicamente tras recibir varios golpes, dous deles na cabeza.

Durante a vista, un dos procesados negou ter participado na pelexa e afirmou que non chegou a baixar á rúa no momento no que, segundo a acusación, se produciron os feitos. Na súa declaración ante o xurado, explicou que esa noite se atopaba nun piso xunto co outro acusado e varias amigas, e que non coñecía previamente ao home que resultou ferido.

Este acusado situou a orixe do conflito nun suposto episodio relacionado coa compra de droga. Segundo a súa versión, algunhas das persoas presentes decidiron “comprar droga” e alguén chamou a un contacto para conseguila. Pouco despois, relatou, presentouse no edificio “unha moza menor” coa substancia, que lle foi retirada polos presentes. A partir dese momento, segundo declarou, a moza avisou a dous homes, entre eles a persoa que despois resultou agredida.

O procesado asegurou que todas as persoas que estaban no piso baixaron á rúa nun momento dado, agás el. Segundo sostivo, el fíxoo “unha hora despois” e, cando saíu, non viu ningunha liorta nin ninguén lle comentou que se tivese producido unha agresión.

O segundo acusado tamén vinculou os feitos a unha compra de droga. Na súa declaración, indicou que unha das mulleres que os acompañaba contactou cun vendedor que enviou unha moza coa substancia. Segundo dixo, foron elas as que baixaron a recollela e el descoñece “se pagaron ou non”.

Este procesado explicou que máis tarde decidiron saír todos a “tomar algo por Santiago” e que, ao abandonar o portal, se atoparon coa moza que levara a droga acompañada de dous homes. Un deles, segundo a súa versión, portaba un pau. “Viño co pau cara ao meu e golpeoume no costado”, declarou ante o xurado, negando ter golpeado a vítima.

Na súa versión dos feitos, o home ferido caeu de maneira accidental despois de que unha das mozas que ía co grupo do acusado o empurrase. Segundo o procesado, foi nese momento cando bateu coa cabeza contra unha estada colocada na fachada do edificio.

A vítima ofreceu unha versión diferente. Ante o xurado, asegurou que aquela noite estaba cuns amigos na súa casa e que decidiron achegarse a un supermercado 24 horas próximo. Ao pasar pola zona do portal onde se produciron os feitos, unha das mozas que ía con el e outra integrante do grupo dos acusados comezaron a pelexar.

Segundo relatou o home ferido, cando tentou separalas empezou a recibir golpes. Durante a súa declaración, identificou “sen dúbida” os dous procesados como autores da agresión e afirmou que un deles levaba na man “un bate metálico”.

O agredido sostivo que non coñecía previamente os acusados, que non tiña ningún conflito con eles e que non portaba ningunha arma. Tamén explicou as consecuencias das lesións sufridas, polas que tivo que someterse a unha intervención cirúrxica.

Durante a vista tamén se reproduciron tres mensaxes de audio enviadas desde o teléfono da vítima ao dun dos procesados esa mesma madrugada. Nelas, o home advertía de que “sabía onde vivía” e afirmaba: “tiveches sorte de que agarrei un palito, se tivese un machete, che macheteaba”.

Preguntado por esas mensaxes, o agredido dixo descoñecer como e por que as enviou, así como de que maneira tiña o número de teléfono do acusado. Tamén asegurou non lembrar a razón pola que subiu esa madrugada ao seu estado de Whatsapp unha fotografía na que aparecía ensanguentado.

O xuízo continuará coa valoración das probas e das declaracións practicadas ante o xurado popular, que deberá determinar a responsabilidade dos dous procesados nos feitos ocorridos en Santiago.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Un menor resulta ferido tras ser atropelado na costa de San Domingos

Un menor resultou ferido este martes nun atropelo rexistrado na costa de San Domingos,...

A caída dunha árbore obriga a cortar a Avenida das Burgas no Campus Sur de Santiago

A caída dunha árbore de grandes dimensións provocou na mañá deste mércores o corte...

A Policía propón para sanción o dono dun local de Santiago por permitir o consumo de drogas no interior

O propietario dun establecemento de Santiago de Compostela foi proposto para sanción por permitir...