Uns rescoldos reactivaron o incendio na Comisaría de Santiago este luns. O fume comezou a saír pasadas o dez da mañá e os bombeiros acudiron a controlalo. O incendio orixinado o pasado xoves na galería de tiro da Comisaría de Santiago, volveu a reactivarse no mesmo lugar por uns rescoldos no soto do edificio, orixinando que saíse o fume por un dos laterais. Ata alí desprazáronse os Bombeiros de Santiago, efectivos da Policía Local e de Protección Civil.
Segundo explicou a comisaria de policía, Nuria Palacios, aos medios de comunicación, o ocorrido “forma parte do proceso normal de extinción dun incendio”. Amplían fontes dos bombeiros que “xa están a terminar os traballos” e “en breve” volverán ao parque.
A situación está a afectar á prestación do servizo e a propia policía recomendou ás persoas que se achegaron a renovar o DNI acudir a outras comisarias, como a de Carballo, Ferrol, Ribeira, Lalín ou A Coruña para realizar os devanditos trámites. O mesmo ocorreu con algunha persoa que se achegou a pór unha denuncia.
Aínda que se están realizando documentacións de urxencia, servizos como o negociado de estranxeiros “de momento non se puideron retomar nin a mínimos”, polo que se están derivando a Coruña. “Temos un menor número de equipos informáticos dispoñibles, entón o que é o DNI e o pasaporte están a se facer documentacións de urxencia e imos tentar se isto demórase m incrementar eses equipos para dar servizo á cidadanía”. detallou.
Con respecto a cando se poderá retomar a normalidade, a comisaria indicou que hai que facer unha serie de medicións para retomar as actividades de forma “segura” e que non haxa “ningún risco laboral”.

