A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito indefinido, polo menos ata que se produzan “cambios reais”, segundo explicou este martes Miguel García, portavoz da mobilización. “Somos galegos, a choiva non nos para”, asegurou en referencia ao episodio de fortes precipitacións previsto para esta xornada. A decisión chega despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciase este luns a convocatoria de eleccións xerais anticipadas para o próximo 29 de novembro e de que CC.OO. e UGT acordasen convocar unha folga xeral de 24 horas este outono para reivindicar salarios dignos e o acceso á vivenda.
RECLAMAN “CAMBIOS REAIS”
En declaracións aos medios, García insistiu en que o problema da vivenda non é recente e pediu que a futura folga xeral, da que aínda non se coñece a data, dea lugar a medidas efectivas. “Queremos que dea lugar a cambios reais e non sexa un parche”, reclamou. Ante este escenario, os participantes decidiron manter a acampada de maneira indefinida, aínda que continúan valorando diferentes opcións. “Hai como unha sensación de estancia indefinida por agora. Estamos todos pola loita malia a folga xeral, que parece un parche pola parte de Pedro Sánchez para asegurar a cadeira na Moncloa”, manifestou García.
A CHUVIA NON FREA A PROTESTA
Malia a alerta laranxa por choivas intensas prevista para esta tarde e a treboada que afecta Santiago desde as 10.00 horas, os manifestantes aseguran manterse “optimistas”. Os participantes están a recoller tendas e palés para protexerse das precipitacións, pero descartan abandonar a mobilización. “Como bos galegos, a choiva non nos para en absoluto, non nos vai frear para seguir reivindicando”, salientou o portavoz.
MÁIS DE 90 TENDAS NO OBRADOIRO
García asegurou tamén que a mobilización segue medrando e que durante a última fin de semana aumentou de maneira importante o número de participantes. “Cada día chega máis xente e esta fin de semana case dobramos. Veu moita xente nova, sempre está ben contar con aire fresco e a xente está moi motivada”, explicou. Segundo os datos trasladados polo propio colectivo, a acampada conta xa con máis de 90 tendas de campaña. O portavoz recoñeceu sentirse “moi emocionado” polo crecemento da protesta e asegurou que percibe unha maior mobilización social arredor do problema da vivenda. “Sinto que por fin España se está erguendo”, concluíu.

