InicioSOCIEDADELiño, artesanía galega e memoria feminina no traxe da alcaldesa de Santiago

Liño, artesanía galega e memoria feminina no traxe da alcaldesa de Santiago

O conxunto incorpora elementos do traxe tradicional reinterpretados cunha visión contemporánea.

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, escolleu para os actos institucionais do 25 de Xullo un traxe confeccionado con sabas antigas de liño, deseñado por Melania Freire, como homenaxe á escritora Begoña Caamaño, protagonista do Día das Letras Galegas 2026. Na creación colaboraron tamén a ourive artesá Rosa Méndez e o obradoiro De Cotío, responsable xa do vestiario da rexedora na celebración do ano pasado. O estilismo complétase cuns zapatos da firma galega Miista, fundada pola compostelá Laura Villasenín.

O conxunto, composto por chaqueta e pantalón, está elaborado con dous tipos de liño procedentes de sabas antigas tecidas en tear, nunha evocación das mulleres anónimas que, ao longo da historia, traballaron este tecido. O deseño incorpora elementos inspirados no traxe masculino tradicional galego, como a lapela da chaqueta ou o detalle do abotoado do pantalón, reinterpretados cunha estética contemporánea. Ademais, os pequenos botóns de cristal de Murano, creados en colaboración con Rosa Méndez, e os botóns de fío feitos artesanalmente en De Cotío reforzan o carácter simbólico e artesanal da peza.

Segundo explicou Melania Freire, premio Mestre Mateo 2024 á mellor dirección artística por O Corno, o punto de partida do deseño naceu da observación de fotografías da Compostela do século XX, nas que aparecen mulleres anónimas camiñando polas rúas, afastadas do protagonismo. Foi nese proceso creativo cando xurdiu a conexión coa obra Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño, que reivindica precisamente esas vidas femininas invisibilizadas.

A deseñadora sinalou que incorporar a figura de Begoña Caamaño ao traxe da alcaldesa nunha xornada tan simbólica como o Día Nacional de Galicia foi unha decisión “fermosa e necesaria”. O resultado é unha peza que combina moda, memoria, artesanía e literatura, convertendo o vestiario institucional nunha homenaxe á autora e ás mulleres que inspiraron tanto a súa obra como a propia creación artística.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza a construción de 33 vivendas protexidas na rúa Manuel Ceruelo

O Concello de Santiago concedeu licenza á cooperativa Porto Sur para construír 33 vivendas...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

O Concello destina máis de 727.000 euros a mellorar os centros educativos durante o verán

O Concello de Santiago está a aproveitar o período sen actividade lectiva de xullo...

Ames abre as axudas de ata 1.500 euros para familias numerosas e monoparentais

O Concello de Ames mantén aberto ata o próximo 14 de setembro o prazo...

Santiago gaña oito novas conexións aéreas

A nova compañía aérea Fly2Galicia anunciou que comezará a operar o 1 de decembro...

A USC mantén o seu lugar entre as 600 mellores universidades do mundo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantén a súa posición no tramo 501-600...

Galicia, responsable coa eclipse: non se rexistran polo momento grandes lesións oculares

Os galegos mostraron unha elevada responsabilidade na protección ocular durante o eclipse solar visible...