A criminalidade baixou un 2,3% en Santiago durante o primeiro semestre de 2026 respecto do mesmo período de 2025, segundo os datos da Subdelegación do Goberno na Coruña. O descenso abrangue tanto a criminalidade convencional, que se reduciu un 2,6%, como a ciberdelincuencia, que diminuíu un 1,5%. Estas cifras centráronse na reunión da xunta local de seguridade celebrada este martes, na que tamén se abordaron a violencia de xénero e a prevención entre menores.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, copresidiron a sesión e valoraron a evolución dos indicadores de criminalidade no municipio. Ambas destacaron a coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local como unha ferramenta “fundamental para reforzar a seguridade cidadá”, ademais de poñer en valor os espazos de colaboración entre institucións.
A xunta analizou tamén a situación da violencia de xénero e o funcionamento dos mecanismos de coordinación e protección das vítimas. O Concello de Santiago está adherido ao sistema VioGén, a ferramenta do Ministerio do Interior para o seguimento integral destes casos. Segundo detallou a Subdelegación, no conxunto da provincia da Coruña hai 2.759 casos activos e 30 concellos adheridos ao sistema. No ámbito da prevención e da atención ás vítimas, Santiago recibiu 240.622 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero desde 2018, destinados a apoiar actuacións municipais nesta materia.
Outro dos asuntos tratados foi o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas, impulsado polo Ministerio do Interior. Ao abeiro desta iniciativa, durante o curso 2025-2026 a Policía Nacional impartiu 45 charlas que chegaron a 3.576 persoas da comunidade educativa de Santiago e da súa contorna.
As sesións abordaron cuestións como os riscos de internet, a violencia de xénero, o acoso e o ciberacoso, as adiccións e a prevención dos delitos sexuais, entre outros temas. A reunión permitiu revisar as actuacións das distintas administracións e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no municipio, con especial atención á prevención, á protección das vítimas de violencia de xénero e á seguridade dos menores.

