A comisión de seguimento para a descentralización do grao de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela celebrou este luns a súa primeira reunión. Presidiron a xuntanza os conselleiros de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Ademais, tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.
A ela, ademais dos reitores das tres universidades públicas galegas, acudiu a recentemente elixida reitora da USC, Rosa Crujeiras. O obxectivo neste encontro era repasar os asuntos tratados ata o momento para facilitar a transición entre o reitor saínte, Antonio López, tamén presente na reunión, e a nova responsable da institución, que tomará posesión o próximo día 10 de abril. Será ela quen, a partir desa data —día no que se fará oficial o seu nomeamento como reitora—, lidere a postura da universidade compostelá neste proceso.
Neste contexto, os conselleiros trasladáronlle a “máxima disposición” da Xunta a colaborar a favor da mellora da formación dos médicos do futuro. A maiores deste órgano, acordouse a creación de dous grupos de traballo para avanzar no cumprimento do acordo de descentralización do grao.

