O investigador posdoutoral na facultade de Dereito Ignacio Varela Castro obtivo o IX Premio de Investigación Rosario Valpuesta polo seu traballo ‘Vida, coidado e Dereito cotiá’, un ensaio que proximamente publicará a editorial ‘Tirant o Blanch’. O galardón recoñece actividades investigadoras relacionadas coas liñas de estudo que a profesora Valpuesta Fernández desenvolveu ao longo da súa vida académica e na súa proxección pública: en xeral, os estudos xurídicos e sociais nos que predomine a perspectiva de igualdade de xénero e, en particular, a cuestión da feminización do dereito privado.
A USC destaca que, ante un debate social, político e académico cada vez máis consciente das actuais e futuras necesidades de coidados da cidadanía, o ensaio premiado parte das formulacións procedentes da denominada ética —ou éticas— do coidado para unha análise desde a perspectiva xurídico-privada que, con ánimo reflexivo, pregúntase polo seu impacto na comprensión dalgúns dos conceptos máis básicos do pensamento iusprivatista. Fronte ao protagonismo que presenta o coidado no debate sobre as políticas públicas e as medidas no ámbito laboral necesarias para atender as mencionadas necesidades de coidados da cidadanía, o investigador da USC optou por incidir na súa relevancia desde unha óptica xurídico-privada.
Por unha banda, tal e como explica, porque se os estudos relacionados co pensamento do coidado tiveron como obxecto de análise desde a persoa e a familia ata a sociedade e o medio ambiente, “do que non se dubida é que a experiencia máis primixenia do coidado prodúcese nas relacións privadas e, de forma destacada, nas máis íntimas”. Por outra banda, “porque se iso xustifica que o dereito privado se presenta como ferramenta útil para acoller xuridicamente o máis medular do coidado, a súa particular posición de base común para o resto do sistema faina tamén idónea para irradiar a outras ramas do ordenamento aquilo que xuridicamente é o coidado”.
Dar relevancia xurídico-privada ao coidado preséntase, deste xeito, como “paso necesario, nun esquema que supere unha estrita dicotomía entre o público e o privado, para abordar as mencionadas necesidades de coidados”, asegura Varela Castro. Ademais, engade, “contribúe á feminización do dereito privado en particular e do dereito en xeral porque o coidado evoca unha experiencia tipicamente feminina ao redor dos esforzos e os tempos requiridos nos coidados”.

