A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tendeu a man ao sector hoteleiro para liquidar todas as dúbidas sobre a taxa turística e avanzou que haberá unha reunión específica sobre o imposto que gravará as estancias turísticas na capital galega. Preguntada polas críticas de Unión Hoteleira sobre falta de diálogo do goberno local, Sanmartín afirmou que lle consta que houbo conversacións desde o departamento de Turismo con esta asociación, pero avanzou que haberá unha reunión específica.
Segundo detallou, estaban a agardar a ter todo “perfectamente organizado e planificado” para convocalos a unha reunión e “darlles as explicacións que queiran”. En todo caso, defendeu que o procedemento é “moi sinxelo” e que se trata dunha liquidación “igual que fan con outro tipo de impostos”. Ademais, destacou que se fixou de maneira semestral “para non causar problemas” e volveu a insistir en que haberá unha reunión para falar e tratar de solucionar “todas as dúbidas”. Ademais, insistiu en que Raxoi quere que a taxa turística sexa unha realidade “canto antes”, polo que reiterou que en canto poidan “farase efectiva”.