InicioSOCIEDADEFamilias do Colexio Trisquel estudan accións legais se non cesan as irrupcións...

Familias do Colexio Trisquel estudan accións legais se non cesan as irrupcións de refuxiados no recinto

Denuncian tamén as actitudes dos representantes da Fundación Junior's e da empresa d'Lecer, con contrato coa ONG Rescate

Publicado o

Xornal de Compostela

Un grupo de familias do Colexio Trisquel Compostela International volveron denunciar este luns a situación de “desamparo” que viven ante as “reiteradas” incidencias “e ata ilegalidades” provocadas polas irrupcións que refuxiados nun recinto anexo realizan na área limitada para o colexio. Hai semanas que as familias denuncian esta conxuntura, pedindo a intervención das autoridades. Ante a falta de resposta, advirten de que estudarán accións legais se a situación continúa sen resolverse.

A comunidade escolar apunta directamente aos representantes da propiedade das instalacións, a Fundación Junior’s, que ten en vigor contratos con outras empresas –ademais do colexio– como d’Lecer. Esta última e Trisquel comparten instalacións do antigo colexio Junior’s. Segundo relatan, o pasado mes de setembro de 2024, a empresa d’Lecer contratou os servizos de aloxamento á ONG Rescate para acoller nas instalacións anexas ao colexio a un número aproximado de 120 homes adultos refuxiados.

Critican que coñeceron esta circunstancia pola prensa a dous días de iniciar o curso, “xa que non foi comunicada por ninguén ao centro”. Naquel momento, apuntan, indicóuselles que sería unha medida de acollida temporal. “O noso colexio, sensibilizado co fenómeno actual das migracións, adaptou a súa programación para dedicar todo o primeiro trimestre a traballos relativos ao tema das migracións de cara a dar a coñecer e sensibilizar aos alumnos con esta problemática”, destacan.

DANOS NO RECINTO E BROTE DE TUBERCULOSE

Os problemas, relatan, comezan cando as entidades sinaladas realizan diversas accións que “minan as relacións de convivencia”. Concretamente, citan a colocación de cámaras de vixilancia nas instalacións sen permisos parentaisa ONG Rescate e d’Lecer circulan con automóbiles polas instalacións de recreo do alumnado e ocupan espazos destinados por contrato ao colexio.

Comentan tamén que a empresa d’Lecer dá aloxamento a un grupo de traballadores en varias das pequenas cabanas, destinadas nun principio a intercambios escolares e campamentos, e que durante a súa estancia unha das cabanas ardeu complemente. A consecuencia disto, prodúcense diversos danos nalgunhas das instalacións destinadas a Trisquel, así como a caída de parte do muro perimetral, quedando así todo o recinto sen a preceptiva perimetración dunha instalación escolar. “Danos, todos eles que, a día de hoxe, non se arranxaron fóra daqueles que o propio colexio asumiu para garantir a seguridade do alumnado e a continuidade do seu labor docente”, critican.

Ademais, sinalan que se lle asignan á ONG aulas e espazos para diversas actividades da comunidade refuxiada que lindan coas do colexio, “obrigando a compartir accesos entre o alumnado do colexio e a comunidade refuxiada”. Aseguran que todo isto leva que os adultos “deambulen constantemente” polo recinto escolar, “incumprindo as normas, tanto ministeriais como autonómicas, que prohiben a presenza de calquera adulto que non pertenza ao equipo laboral do colexio no devandito recinto”.

Un dos momentos máis tensos foi o brote de tuberculose que se rexistrou entre a comunidade refuxiada, que censuran que non foi comunicado ao centro e, “con toda probabilidade, como consecuencia do mesmo, producíronse contaxios na comunidade escolar, tanto a alumnos como a docentes”. “Para coroar este rosario de despropósitos, hai escasos días producíronse dous enfrontamentos entre o xestor da empresa d’Lecer e unha docente, e o representante da propiedade con outra docente. Neste último caso presentouse denuncia ante a Policía Nacional”, relatan.

DIRÍXENSE A CONCELLO, XUNTA E GOBERNO

Ante esta situación, solicitan ao Concello de Santiago que inspeccione as licenzas de actividade da empresa d’Lecer e comprobe se cumpren todos os requisitos legais para o desenvolvemento das actividades que anuncia. Ás consellerías de Medio Rural, Educación, Política Social e Sanidade, que velen polo cumprimento da normativa urbanística (APLU), da normativa relativa a espazos educativos e o seu necesario illamento da poboación adulta, a protexer a integridade dos menores, e a ofrecer seguridade sanitaria á comunidade educativa.

Así mesmo, á Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior do Goberno e ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o seu concurso neste tema para dar un aloxamento “en instalacións dignas” á comunidade refuxiada en espazos compatibles”. Fan tamén unha petición expresa ao Banco de Santander, propietario último das instalacións, para que revise e limite as actuacións do representante legal da propiedade ou proceda, “se así o ve adecuado”, á súa substitución.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

O Concello asegura que a maior parte das prazas de estacionamento de Xoán XXIII “están ocupadas” tras as queixas veciñais

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, confirmou...

A IA entra na Catedral de Santiago da man dun servizo de tradución simultánea

A Catedral de Santiago estrea un servizo de tradución simultánea, dirixido ao fieis lle...