InicioSOCIEDADEA taxa turística de Santiago suma apoios de cara a súa implantación:...

A taxa turística de Santiago suma apoios de cara a súa implantación: podería ser unha realidade no 2025?

A implantación da taxa turística de Santiago é apoiada por entidades sociais e hostaleiras que alertan da "saturación" do centro histórico

Publicado o

Xornal de Compostela

A segunda tenente de alcaldesa de Santiago, Míriam Louzao, e a profesora da USC, María José Piñeira, presentaron este xoves as principais conclusións dos foros de turismo celebrados o pasado mes de novembro, onde comprobaron que a taxa turística goza de “un amplo apoio entre as entidades” e que os consultados alertan de “síntomas de saturación” no centro histórico e as entradas do Camiño. 

Concretamente, destacou que as entidades participantes manifestaron unha “certa preocupación” sobre a fórmula para a súa implantación e a súa recadación. A este respecto, sinalou que a fórmula para a taxa que recolle a Xunta de Galicia na Lei de Acompañamento afástase da que o Concello defendía e asegurou que o que crea é “un imposto baleiro do que colga unha recarga municipal que ten mesmo a súa complicación legal”. Louzao insistiu en que ven “totalmente lóxica” esa preocupación e asegurou que traballarán para que a implantación sexa “o máis sinxela posible”.

Con todo, lembrou que a xestión da taxa por parte da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) facilitaría moito a actividade de todos os implicados, “xa que ten o persoal e os medios”. “A Xunta, unha vez máis, complícanolo máis aos concellos”, lamentou. “Xa nos consta dalgún municipio pequeno que nos indicou que con esta fórmula é imposible. Non poden xestionar a taxa”, asegurou, en referencia á falta de medios e persoal. Vista esta situación, avanza que haberá que acabar por modificar o marco. “Hai outros impostos, como pode ser o canon eólico, que só cobran algúns concellos e que xestiona a Xunta sen ningún problema”, agregou.

EN MARCHA EN 2025

Louzao evitou dar prazos para a posta en marcha da taxa, para a que traballan na ordenanza e os informes requiridos e para o que contarán, destacou, coa participación da cidadanía. Para iso, lanzarán unha enquisa aberta á cidadanía e dispoñible mediante códigos QR que se colocarán en diversos puntos da cidade. “Ao que si nos comprometemos é a facelo canto antes e si temos a idea de ter o imposto implantado en 2025”, confirmou. Tamén respecto da taxa, apuntou que os participantes no foro priorizaron a mellora dos servizos básicos, o coidado do patrimonio e a mobilidade sustentable e puideron coñecer experiencias con este imposto noutras partes do Estado, “onde había reticencias e, finalmente, a valoración do sector foi totalmente positiva”.

Estes foros enmárcanse no traballo para a constitución do Pacto Local polo Turismo Sostible, órgano de participación que substituirá ao Consello Municipal de Turismo co obxectivo de que sexa un órgano de participación “moito máis representativo, estable, sostido no tempo e enfocado a avanzar no proceso de cambio do modelo turístico”. Segundo destacou a tamén concelleira de Turismo, nos foros participaron 48 entidades representativas da cidade, que concluíron que, aínda que en conxunto a visión do papel de turismo en Santiago é “maioritariamente positiva”, hai preocupación pola presión sobre o espazo público, a súa convivencia coa vida cotiá dos veciños e os servizos públicos.

CENTRO HISTÓRICO E CAMIÑO, “SATURADOS”

“O gran desafío para as entidades participantes é a convivencia ou conciliación entre as actividades turísticas e a vida cotiá da cidadanía. Termos como ‘desconcentración’, ‘desestacionalización”, ‘diversificación’ e ‘xestión de fluxos’ aparecen como as principais respostas á percepción, dominante, de que o centro histórico e as entradas do Camiño mostran síntomas de saturación”, sinalou. Tamén se percibe unha “certa insatisfacción” co grao de participación cidadá no deseño das políticas turísticas. Por iso, reclaman espazos e mecanismos estables para a participación, maior diversidade nas voces que se incorporan aos debates e decisións estratéxicas “duradeiras, transparentes e fiscalizables”.

Louzao tamén informou de que durante os foros procedeuse á elección dunha comisión de seguimento do Pacto Local por un Turismo Sostible, un grupo representativo para contrastar os avances e resultados do proceso, pero que non é un órgano de decisión nin debe confundirse co que no seu día se propoña para a gobernación do Pacto. Os membros desta comisión son o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Igrexa, Unión Hoteleira Compostela, Asociación Hostalaría Compostela, Aviturga, Asociación Galega de Guías (Agagui), Clúster de Turismo de Galicia, Pazo de Congresos e Exposicións, Asociación Veciñal Centro histórico, Asociación Veciñal A Xuntanza, Universidade de Santiago, COGAMI, e Asociación Cultural Cidade Vella.

XORNADA CIENTÍFICA ‘OS DESAFÍOS DO TURISMO SOSTIBLE’

Por outra banda, María José Piñeira encargouse de presentar a xornada científica ‘Os desafíos do turismo sostible’, na que se tratarán “temas fundamentais para transformar o modelo turístico da cidade”. Celebrarase o vindeiro martes 14 de xaneiro, no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, de 09.00 a 15.00 horas, de acceso libre. A xornada virará ao redor de catro grandes bloques, que integran algunhas das temáticas máis sinaladas polas entidades que participaron nos foros de turismo: vivenda, gobernación, mobilidade e economía local. Participarán representantes das universidades de Santiago, a Autònoma de Barcelona, a Politécnica de Madrid, a Complutense de Madrid, a de Málaga, a Carlos III, a Rey Juan Carlos e a do Porto.

ÚLTIMAS

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Madrid se continúa a proliferación de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Barcelona se continúa a proliferación masiva de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

(Vídeo) Un camión encáixase contra unha casa tras unha saída de vía na Sionlla

Un camión encaixouse este domingo contra unha edificación na Sionlla, en Santiago, mentres circulaba...

Atopan un proxectil tras sufocar un incendio no piso superior dunha vivenda na rúa Agra da Garrida

Os Bombeiros de Santiago interviñeron durante a madrugada deste domingo nun incendio que calcinou o piso...

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Madrid se continúa a proliferación de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Barcelona se continúa a proliferación masiva de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

(Vídeo) Un camión encáixase contra unha casa tras unha saída de vía na Sionlla

Un camión encaixouse este domingo contra unha edificación na Sionlla, en Santiago, mentres circulaba...