InicioSen categorizarAs non adscritas reclaman explicacións públicas sobre a execución dos acordos orzamentarios

As non adscritas reclaman explicacións públicas sobre a execución dos acordos orzamentarios

Subliñan que o vindeiro pleno debe servir como antesala da negociación das contas municipais e condicionan o seu apoio a unha rendición de contas previa do Goberno local

Publicado o

Xornal de Compostela

Os concelleiros non adscritos Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón anunciaron este venres a súa intención de converter o vindeiro pleno municipal nun espazo previo á negociación dos novos orzamentos, co obxectivo de que o Goberno local dea conta do grao de cumprimento dos acordos que permitiron aprobar as contas anteriores. Segundo expuxeron, esta rendición de contas consideran que é unha condición necesaria antes de iniciar calquera diálogo sobre as contas do exercicio actual.

Durante unha comparecencia pública, Gonzalo Muíños explicou que a decisión responde á vontade de actuar “con transparencia e honestidade” tras dous orzamentos aprobados con acordos previos. Nese sentido, indicou que rexistraron dez iniciativas plenarias para que o Goberno local informe sobre o cumprimento do acordo orzamentario de 2025, así como unha proposición para reclamar a convocatoria do debate sobre o estado do municipio. Muíños sinalou que esta solicitude foi rexistrada o luns 19 de xaneiro e que, segundo dixo, a alcaldesa comunicoulles este xoves a súa intención de convocar ese debate para o mes de febreiro.

O concelleiro non adscrito mostrou a súa sorpresa por este anuncio, realizado nun contexto no que, ao seu xuízo, o Goberno local debería explicar outros asuntos pendentes. Entre eles citou a perda de fondos vinculados a prórrogas de proxectos ou investimentos que, segundo afirmou, non chegaron a executarse. Muíños insistiu en que o acordo orzamentario era un documento público que comprometía tanto ás partes asinantes como á cidadanía, polo que considerou necesario dar explicacións sobre os puntos non cumpridos.

Pola súa banda, Mercedes Rosón detallou algúns dos ámbitos concretos sobre os que pedirán información no pleno. Entre eles destacou a constitución da Empresa Pública de Vivenda e Solo, comprometida nos acordos orzamentarios de 2024 e 2025, para a promoción de vivenda, a rehabilitación e o desenvolvemento de solos non consolidados na contorna urbana. Tamén reclamou datos sobre a execución real dos investimentos no rural, lembrando o compromiso de destinar o 1,5 % do orzamento municipal a este ámbito no marco do Pacto polo Rural.

Rosón referiuse ademais ao atraso na licitación das obras da casa das persoas maiores, prevista nun local da rúa de San Pedro de Mezonzo, así como á falta de avances no complexo deportivo de Santa Marta. A concelleira mencionou igualmente actuacións pendentes en parques infantís, programas de saúde mental comprometidos nos acordos orzamentarios, o contrato do ciclo integral da auga e a execución de sendas peonís previstas en distintas parroquias do termo municipal.

Ambos edís coincidiron en sinalar que existe predisposición a negociar os novos orzamentos, pero advertiron de dificultades derivadas do atraso na presentación do primeiro borrador por parte do Goberno local. Muíños lembrou que, segundo a Lei Reguladora das Facendas Locais, o proxecto orzamentario debería terse remitido á corporación antes do 15 de outubro, algo que, segundo indicou, non ocorreu ata comezos de xaneiro. A este respecto, avanzou que nos próximos días trasladarán ao executivo municipal as súas propostas de investimento, reiterando que non apoiarán unhas contas que consideren irreais ou con previsións de ingresos que non se executen.

Finalmente, os concelleiros non adscritos defenderon que o pleno municipal debe servir para que o Goberno local dea explicacións públicas non só a eles, senón tamén á veciñanza de Santiago, sobre o grao de cumprimento dos acordos plenarios que fixeron posibles os orzamentos anteriores.

ÚLTIMAS

O Escarnio e Maldizer é desaloxado de maneira pacífica

Máis de medio centenar de persoas concentrouse na mañá deste venres na Praza de...

O Concello de Santiago mellora en dous puntos o grao de execución orzamentaria en 2025

A alcaldesa Goretti Sanmartín deu conta este venres dos datos provisionais do exercicio 2025...

A alcaldesa acusa ao PP de ir a Fitur a facer “mala propaganda” de Santiago

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acusou esta mañá ao portavoz municipal...

Dous accidentes múltiples provocados por unha granizada deixan varios feridos na área de Compostela

Dous accidentes múltiples rexistrados na área de Santiago de Compostela á primeira hora deste...

O proxecto ‘Foliadas en Compostela’ pecha o ano cunha última foliada o 28 de novembro

O proxecto Foliadas en Compostela despedirá a programación de 2025 o vindeiro venres 28 de...

UCIN Santiago critica o sacrificio do can Gosu e acusa o Concello de “abandono institucional e cobardía política”

O coordinador local de UCIN Santiago, Diego Adrián Mallo Cao, manifestou este sábado o...

Boyanka Kostova actúa o 22 de outubro no Outono Cultural de Santiago

O Outono Cultural de Santiago acollerá o vindeiro martes 22 de outubro o concerto...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here