O Concello de Teo celebra este xoves pola tarde un pleno extraordinario no que se abordará a instalación dunha planta de tratamento de residuos da construción promovida pola empresa Midón na parroquia de Cacheiras, un proxecto que xerou mobilización veciñal nas últimas semanas.
Segundo informou o propio consistorio, a sesión incluirá a intervención dun representante da Plataforma Stop Planta de Residuos-Cacheiras, un colectivo veciñal que, aínda sen constituírse formalmente, agrupa a persoas contrarias á localización da infraestrutura. A plataforma cuestiona a idoneidade do emprazamento ao considerar que se trata dunha zona con vivendas unifamiliares próximas e servizos públicos, e advirte de posibles afeccións como o incremento do ruído, a presenza de po, o tráfico pesado ou o impacto visual.
Pola súa banda, o goberno municipal, encabezado por Lucía Calvo da Uz, insiste en que a tramitación do proxecto corresponde á Administración autonómica. O Concello subliña que a autorización é unha “competencia exclusiva” da Xunta, polo que asegura que non pode emitir informes vinculantes nin presentar alegacións no proceso.
O executivo local explica que a Xunta solicitou un informe de viabilidade urbanística da parcela onde se pretende situar a planta, situada en chan rústico. Segundo o comunicado municipal, este tipo de solo permite instalacións destinadas á xestión de residuos inertes, tal e como recolle o artigo 35 da Lei do Chan. Nese sentido, o Concello sostén que o informe que lle correspondería emitir sería necesariamente favorable, ao tratarse dun uso permitido.
Ademais, o consistorio recoñece que inicialmente non se elaborou o informe solicitado coa intención de que o expediente puidese quedar arquivado, unha opción que finalmente non prosperou.
A polémica sobre esta infraestrutura xa estivo presente no pleno ordinario do pasado 25 de marzo, no que máis dun cento de veciños se concentraron ás portas da casa consistorial. Nesa sesión, a alcaldesa manifestou que, de depender da súa decisión, a planta situaríase nun emprazamento industrial e non nun núcleo residencial.
Neste contexto, a veciñanza mobilizada propón como alternativa a súa localización no polígono empresarial da Ramallosa, afastado das zonas habitadas.
O comunicado municipal tamén fai referencia ao período de exposición pública do proxecto, que se desenvolveu entre decembro de 2024 e mediados de xaneiro de 2025. Segundo o Concello, foi a plataforma Casalonga Limpa quen difundiu esta información nas redes sociais, pero sinala que nese momento non se presentaron alegacións nin se trasladou a información á veciñanza, unha circunstancia que tamén centra parte do debate político arredor do proxecto.

