InicioSOCIEDADEA alcaldesa de Teo denuncia un “escrache” tras o pleno pola planta...

A alcaldesa de Teo denuncia un “escrache” tras o pleno pola planta de residuos e a plataforma veciñal reivindica a súa protesta “pacífica”

Lucía Calvo asegura que tivo que ser acompañada pola Policía Local ata o coche entre insultos, mentres STOP Planta de Residuos Cacheiras nega calquera actitude violenta e acusa o goberno local de “desinformación e manipulación”

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, cualificou de “escrache” a protesta celebrada na noite do mércores diante do consistorio, na que participaron arredor de 150 veciños convocados pola Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras, mentres que este colectivo defendeu que a mobilización foi “pacífica, aberta e democrática”. Nun comunicado, a rexedora popular describiu a situación como “desagradable” e asegurou que tivo que ser escoltada pola Policía Local ata o seu vehículo ante os insultos e increpacións dos manifestantes.

A concentración tiña como obxectivo amosar o rexeitamento veciñal ao proxecto da empresa Escavacións Midón, que pretende situar unha planta de tratamento de residuos da construción e demolición entre as aldeas de Feros e A Torre, nunha contorna con varias vivendas unifamiliares. Pola súa banda, a plataforma veciñal denunciou que se está tentando identificala “de maneira interesada e ficticia con feitos e actitudes” que, segundo sostén, non chegaron a producirse. Nun comunicado, o colectivo subliñou que a discrepancia política e social é “plenamente lexítima”, mentres que “a desinformación e a manipulación, non”.

“A nosa plataforma naceu e segue traballando desde unha posición veciñal, cívica e pacífica, coa vontade de defender unha preocupación real de moitos veciños de Cacheiras. Todas as accións que promovemos teñen como base o respecto democrático, a participación e a reivindicación lexítima”, afirmaron. Segundo relatan veciños presentes na mobilización, algúns manifestantes seguiron os pasos da alcaldesa ata o vehículo e pedíronlle, cando menos en dúas ocasións, “poder falar”, aínda que ela non se detivo. A concentración comezou ás 20.00 horas diante da casa do concello, con pitos, bucinas e consignas como “Alcaldesa, atende, a saúde non se vende”, “Onde está o polígono industrial?” ou “Non, non, non, á planta de Midón”.

Unha vez rematado o pleno, arredor das 21.00 horas, os concelleiros foron abandonando o edificio, mentres a alcaldesa permanecía no seu interior. Media hora despois, sobre as 21.30 horas, Lucía Calvo saíu acompañada por dous axentes da Policía Local, que a escoltaron uns metros ata o coche mentres abrían espazo cos brazos para garantir a distancia co grupo concentrado. A rexedora asegurou que acepta “as manifestacións e protestas pacíficas”, pero puntualizou que non admite “nunca os intentos de agresión a persoas, nin verbais nin físicas”. Con todo, tamén recalcou que no propio pleno xa deixara claro que entende “perfectamente o malestar da veciñanza pola situación desta planta”.

Nese punto, as posicións de fondo entre o goberno local e os veciños semellan coincidir. Lucía Calvo sostén que, se dependese dela, a planta non se instalaría nese lugar, senón no futuro polígono industrial. E esa mesma é a tese que defenden os afectados, que insisten en que o problema non é tanto a actividade en si como a súa localización nunha zona con casas moi próximas. A alcaldesa insiste, porén, en que o Concello de Teo non tivo potestade para autorizar a planta, xa que se trata, segundo di, dunha competencia exclusiva da Administración autonómica. No seu comunicado, a rexedora explica que o goberno local “non pode emitir ningún tipo de informe vinculante” e lembra que Midón xa conta con autorización ambiental da Xunta.

O consistorio engade ademais que a planta se pretende implantar en chan rústico, algo que, segundo sinala, está permitido pola Lei Galega do Solo no seu artigo 35, no apartado referido aos usos e actividades admisibles neste tipo de solo. En concreto, cita o punto que permite instalacións e infraestruturas públicas ou privadas para a xestión de residuos inertes. Con todo, os veciños afectados cuestionan de maneira directa a idoneidade do emprazamento elixido. Alertan de que a planta estaría situada nunha contorna con vivendas moi próximas e avisan das afeccións evidentes de ruído, po, tráfico pesado e impacto visual, ademais das consecuencias que podería ter sobre os accesos locais.

ÚLTIMAS

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

O PSOE pide ao Concello que concrete os cambios nas liñas do rural tras desbloquearse o novo contrato de transporte

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que aproveite o desbloqueo...

Quintana Martelo leva a Teo unha mostra que percorre dúas décadas da súa obra

O pintor santiagués Manuel Quintana Martelo presentará no Auditorio Municipal da Ramallosa, en Teo,...

Catro menores feridos nunha colisión frontal en Teo

Catro menores de idade resultaron feridos de diversa consideración na tarde deste xoves tras...

O novo colexio do Milladoiro levará o nome de Gerardo Fernández Albor e abrirá no curso 2027/28

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou o avance das...