InicioMOV. SOCIAIS'Compostela máis Solidaria' arrinca a súa décima edición con actividades centradas na...

‘Compostela máis Solidaria’ arrinca a súa décima edición con actividades centradas na arte e o pensamento crítico

O programa inclúe obradoiros, encontros e propostas culturais para fomentar a solidariedade e dar visibilidade á cooperación internacional

Publicado o

Xornal de Compostela

O programa ‘Compostela máis Solidaria’ celebrará desde este sábado a súa décima edición en Santiago de Compostela, consolidado como unha iniciativa orientada a promover a solidariedade, a diversidade e o espírito crítico, así como a conexión co Sur Global. A proposta está impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Unidade de Atención ás Migracións do Concello.

A presentación contou coa participación da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, que destacaron o papel da creatividade e da arte como ferramentas para o entendemento e a transformación social.

Rozas subliñou que se trata dun programa “xa consolidado pero lamentablemente máis necesario que nunca, nun contexto no que seguen avanzando os discursos do odio, os bulos e a desinformación”. Neste sentido, defendeu a importancia de fomentar o diálogo e o pensamento crítico “botando man de ferramentas moi poderosas como pode ser a arte”. Ademais, puxo en valor que a iniciativa permite “mostrar como desde o local podemos axudar a mellorar as vidas de moita xente e loitar pola defensa dos dereitos humanos en todo o mundo”.

Pola súa banda, María Paz agradeceu “o compromiso do Concello de Santiago e a súa implicación”, nun escenario no que, segundo indicou, se cuestiona a cooperación internacional e se reducen as achegas económicas. Tamén advertiu do impacto dunha tendencia global que pon en dúbida valores baseados na solidariedade, e destacou que o programa ofrece “información e ferramentas que axudan a fomentar unha conciencia crítica e un discurso propio”.

ESCOLA DE ACTIVISMOS CON VOCES INTERNACIONAIS

A programación comeza este mes coa recuperación da Escola de Activismos, que inclúe catro obradoiros orientados ao desenvolvemento dun pensamento crítico e que incorporan perspectivas do Sur Global.

A primeira actividade terá lugar o sábado 11 de abril no Centro Xove da Almáciga, cun taller impartido pola Colectiva Hip Hop Femenino El Salvador, centrado no uso do hip hop como ferramenta de expresión e reivindicación. A proposta está aberta a persoas maiores de 16 anos.

O 21 de abril, no mesmo espazo, celebrarase o obradoiro ‘Software libre no teu peto’, a cargo de Elena Romero, do colectivo hondureño Barracón Digital, que abordará o uso de tecnoloxías libres para garantir os dereitos dixitais.

Xa en maio, a Escola trasladarase á Casa das Asociacións de Cornes, onde a artista compostelá Adela Vázquez impartirá un taller de creación de relatogramas orientado á documentación e difusión de memorias colectivas a través do debuxo. A programación completarase cun encontro en liña da organización internacional More in Common, centrado na análise da polarización social.

UNHA XORNADA PARA ACHEGAR A COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO

O programa inclúe tamén a xornada ‘Compostela co Sur Global’, que se celebrará o 8 de maio na Casa das Máquinas. Neste encontro presentaranse os 14 proxectos que recibiron subvención municipal en 2026, promovidos pola Concellería de Dereitos e Servizos Sociais.

A cita combinará espazos de reflexión con actividades para o público familiar, como o espectáculo de contacontos ‘Historias dun mundo grande’, a cargo de Bandullo Azul, e unha sesión de curtametraxes adaptadas a diferentes idades.

A décima edición de ‘Compostela máis Solidaria’ incluirá tamén unha proposta artística centrada na situación do pobo palestino, a través das acuarelas das irmás Nour e Anwar Abu Rayan, que reflicten as consecuencias do conflito e a realidade que vive Palestina na actualidade.

ÚLTIMAS

Falece o exconcelleiro socialista Carlos Neves mentres se bañaba nunha praia do Grove

Carlos Nieves, concelleiro socialista do Concello de Santiago desde 1987 ata 2011, con algunhas...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

A USC abre o curso 2026/2027 coa defensa da universidade pública, dos dereitos humanos e da memoria emigrante

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here