InicioSANTIAGOTEOAlfonso Rueda reivindica a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das...

Alfonso Rueda reivindica a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das mulleres do PP no 8M

O presidente do PPdeG destaca a xestión municipal e anima ao partido a “seguir apertando o acelerador” a un ano das eleccións locais

Publicado o

Xornal de Compostela

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou este sábado á alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das mulleres do seu partido coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller. Fíxoo durante a II Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, un encontro que reuniu a máis de 700 asistentes no municipio da comarca de Santiago.

Durante a súa intervención, Rueda puxo en valor o papel da rexedora teense e sinalou que representa o perfil de mulleres que, segundo indicou, caracterizan ao seu partido. “No 8M hai que dar exemplos de mulleres como elas: traballadoras, que loitan, que non teñen pelos na lingua, que piden ata o esgotamento, que son fortes, que están orgullosas do cargo que teñen e que defenden o seu municipio”, afirmou.

O líder do PPdeG tamén comparou a situación do concello antes da chegada de Calvo á alcaldía coa etapa actual. Segundo indicou, anteriormente Teo “non era noticia máis que por desunións, cousas raras que pasaban ou por quen ía ou viña na esquerda”, mentres que agora destacou unha etapa marcada por diferentes iniciativas e proxectos.

Entre eles mencionou actuacións impulsadas en colaboración coa Xunta de Galicia, como o desenvolvemento da autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), a previsión dun centro de día en Montouto, iniciativas vinculadas á promoción de vivenda ou o impulso dun polígono industrial no municipio.

Na súa intervención, Alfonso Rueda tamén fixo referencia á situación política xeral e afirmou que Galicia está a conseguir “saír fóra de toda esa lea que se ve a nivel nacional”. Neste contexto, reivindicou o modelo que identificou coa chamada ‘Galicia Calidade’, que definiu como unha forma de gobernar centrada en “resolver problemas”.

Para o presidente dos populares galegos, a alcaldesa de Teo exemplifica ese modelo de xestión. “Unha muller que traballa, é valente e que atopa solucións”, sinalou.

O acto serviu tamén para marcar o horizonte político do partido a nivel local. Rueda lembrou que queda aproximadamente un ano para as próximas eleccións municipais e chamou aos membros da formación a manter a actividade política e institucional. “Hai que seguir apertando o acelerador, facendo moitas cousas e traballando arreo”, concluíu.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O PP denuncia a paralización das obras da rúa García Lorca e reclama medidas urxentes para garantir a seguridade viaria

O Grupo Municipal do Partido Popular de Santiago denunciou a situación das obras de...

A Garda Civil rescata no río Ulla o cadáver do veciño de Teo desaparecido

A Garda Civil recuperou na tarde deste sábado o corpo sen vida dun veciño...

Operativo de busca no río Ulla para localizar un veciño de Teo desaparecido desde o mércores

Distintos efectivos participan nun operativo de busca dun veciño de Teo, de 56 anos,...

O BNG de Teo leva ao pleno dúas mocións sobre o sector agrogandeiro e o patrimonio que son rexeitadas polo PP

O BNG de Teo presentou no pleno municipal celebrado o pasado 28 de xaneiro...