InicioSANTIAGOTEOO grupo de investigación Histagra inicia en Teo a exhumación dunha fosa...

O grupo de investigación Histagra inicia en Teo a exhumación dunha fosa da guerrilla antifranquista

Os traballos no cemiterio de Luou buscan recuperar os restos de catro combatentes vinculados a Foucellas

Publicado o

Xornal de Compostela

O grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela comezou este luns a intervención arqueolóxica e forense na fosa común do cemiterio de Santa María de Luou, no concello de Teo, onde poderían repousar os restos de catro integrantes da V Agrupación da guerrilla antifranquista galega, liderada polo coñecido combatente Benigno Andrade ‘Foucellas’.

A actuación, dirixida polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, enmárcase no Plan Cuatrienal de Memoria Democrática 2023–2026, desenvolvido pola USC coa colaboración da Xunta de Galicia. O obxectivo é identificar e restituír a identidade dos guerrilleiros asasinados en maio de 1948, a través de análises arqueolóxicas, forenses e xenéticas.

Segundo o estudo histórico elaborado por Histagra, os enterramentos corresponderían a Ricardo Fernández Carlés, de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, de Sama de Langreo; Manuel Agrasar Cajaraville ‘Barbarroxa’, de Iria Flavia (Padrón); e Vicente López Novo ‘o fillo da Nova’, de Santa Uxía de Ribeira. Todos eles faleceron o 19 de maio de 1948 nun enfrontamento coa Garda Civil na aldea de Loureiro, na mesma parroquia de Luou. Nese combate tamén morreu un axente do corpo, mentres que Foucellas e Xosé Ramuñán Barreiro lograron fuxir.

As fontes orais e documentais recompiladas polo equipo investigador apuntan a varias versións sobre o desenvolvemento do suceso, aínda envolto nunha forte memoria local. O traballo en Teo forma parte da Campaña de Memoria 2025, que abrangue tamén exhumacións en Rianxo e Ribeiras do Sor (Mañón).

No proxecto participan o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro, dirixido por María Victoria Lareu, e o antropólogo forense Fernando Serrulla Rech, do Imelga, encargados da análise osteolóxica e xenética das mostras.

Con esta intervención, a USC busca recoñecer e dignificar ás vítimas da represión franquista e profundar no coñecemento da resistencia armada en Galicia, un capítulo da posguerra que, segundo Histagra, “segue pendente de ser plenamente comprendido pola sociedade galega”.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

A Xunta autoriza ambientalmente o proxecto para tratar residuos de construción en Teo

A Xunta deu o paso definitivo para que o proxecto de valorización de residuos...

Desaloxan por orde xudicial o home que vivía no chalé da familia de Rosario Porto

Efectivos da Garda Civil e da Policía Local de Teo efectuaron o desaloxo dun...

Achan nunha fosa en Teo o que poderían ser os restos dun membro da resistencia antifranquista desaparecido en 1948

O grupo de investigadores que busca en Galicia a vítimas do golpe de 1936...