InicioSANTIAGOBRIÓNBrión abre ao público unha mostra con 33 obras doadas en homenaxe...

Brión abre ao público unha mostra con 33 obras doadas en homenaxe a Xosé Vizoso

A exposición forma parte do XIX Encontro coa arte, dedicado este ano a Xosé Neira Vilas, e incorpora pezas de artistas galegos e doutras zonas do Estado á colección municipal

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Brión inaugurou na noite deste venres unha exposición integrada por 33 obras doadas polos artistas participantes no XVIII Encontro coa arte, celebrado hai un ano baixo o título ‘Lembrando a Xosé Vizoso’. Algo máis de medio cento de persoas asistiron á apertura da mostra, que poderá verse na sala de exposicións municipal e que pasa a formar parte do patrimonio artístico do concello.

A iniciativa enmárcase na programación do XIX Encontro coa arte, que se desenvolve esta fin de semana en Brión e que nesta edición está dedicado a Xosé Neira Vilas. A exposición está encabezada por dúas caricaturas de Xosé Vizoso asinadas por Siro, amigo persoal do artista, e por unha escultura en madeira de carballo policromada realizada por Camilo Seira.

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, foi a encargada de abrir oficialmente a mostra. Na súa intervención destacou o vínculo entre os dous protagonistas que serven de fío condutor ás dúas últimas edicións do encontro: Vizoso e Neira Vilas. Segundo lembrou, ambos mantiveron unha relación persoal e creativa prolongada no tempo, cunha colaboración relevante no ámbito da literatura galega.

Cebral sinalou que o escritor de Gres prologou varios catálogos e exposicións de Vizoso, mentres que o artista brionés ilustrou obras como Chegan forasteiros, Cando Suso foi carteiro ou Contos de sol a sol. A edil definiu esa relación como unha das colaboracións destacadas da cultura galega contemporánea e aproveitou a apertura da exposición para reivindicar a dimensión artística de Vizoso.

Nese sentido, a concelleira recuperou unha reflexión de Neira Vilas para aplicala á traxectoria do creador homenaxeado: “hai galiñas que poñen un ovo, cacarexan e todo o mundo se entera. E hai troitas que poñen milleiros de ovos no río pero, como non fan moito ruído, ninguén se entera”. Para Cebral, esa idea axuda a explicar a figura de Vizoso, ao que definiu como ilustrador, escultor, pintor, ceramista e veciño de Brión.

A representante municipal engadiu que o artista continúa a xerar interese mesmo despois do seu falecemento, ao aparecer novos traballos e proxectos vinculados á súa obra. Como exemplo, citou os deseños que deixou realizados para a piscina municipal de Padrón, incorporados agora ao coñecemento público sobre a súa produción.

O comisario da exposición e do Encontro coa Arte, Xosé Vázquez Castro, puxo o acento na importancia das doazóns realizadas ao longo das distintas edicións desta iniciativa cultural. Segundo explicou, grazas á participación dos artistas, o Concello de Brión conta hoxe cunha colección próxima ás 500 obras, documentadas en catálogos publicados cada ano.

Vázquez Castro agradeceu “a xenerosidade dos artistas grazas á cal o Concello de Brión pode presumir dunha colección de arte impresionante, avalada por unhas cincocentas obras editadas nuns fermosos catálogos, un por cada ano de encontro”. O comisario defendeu que este patrimonio debe estar ao alcance da cidadanía e explicou que a apertura da sala de exposicións busca precisamente facilitar o acceso á arte.

“As obras de arte cobran vida cando as olladas se pousan nelas”, afirmou Vázquez Castro, quen incidiu en que a colección acumulada polo Concello de Brión non só supón un valor artístico, senón tamén unha maneira de conservar memoria, identidade e creación. Ao seu xuízo, este fondo pode servir tamén como estímulo para novas xeracións de artistas e persoas interesadas na cultura.

Durante o acto, Vázquez Castro tamén lembrou a súa relación persoal con Xosé Vizoso e expresou a súa mágoa por non ter podido participar no encontro do ano pasado por razóns de saúde. “Estou seguro de que Vizoso estaba alí”, sinalou, antes de agradecer a achega das 33 obras agora expostas.

O comisario subliñou que estas pezas “non só honran a memoria de Vizoso senón que tamén contribúen a engrandecer o patrimonio cultural de Brión, deixando unha pegada imborrable para as xeracións vindeiras”.

A exposición reúne traballos de creadores de Galicia e doutros puntos do Estado. Entre os artistas participantes figuran África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Fernando Yáñez, Isabel Pintado, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Paco Casal, Rafa Arroyo, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicova, Veiras Manteiga e Xosé Vázquez Castro.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Brión leva a pleno uns orzamentos de 9,2 millóns para 2026, un 19% máis que en 2024

O Pleno do Concello de Brión abordará este mércores, 7 de outubro, ás 13:00,...

Brión pide tamén reducir o consumo de auga ante o aumento da demanda e a situación de seca

O Concello de Brión fixo un chamamento á colaboración da veciñanza para limitar o...

Rueda avanza que a conversión en autovía do corredor Brión-Noia entrará en servizo en 2027

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou este martes o avance das obras de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here