O Concello de Brión vén de abrir unha nova edición dos seus cursos de formación dirixidos a persoas interesadas en utilizar as cociñas colaborativas do coworking “Transformando en Brión”, integrado na Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. A iniciativa desenvolverase entre o 10 e o 29 de abril nas instalacións situadas no centro comercial Montebalado.
Durante este período, o alumnado recibirá formación teórica e práctica orientada ao uso dos equipamentos dispoñibles no espazo, co obxectivo de garantir a elaboración de produtos alimentarios en condicións adecuadas para a súa posterior comercialización. Entre os contidos previstos inclúense aspectos relacionados coa limpeza e desinfección das instalacións, así como o manexo de ferramentas informáticas que permitan asegurar a trazabilidade dos produtos.
Ademais, as persoas participantes coñecerán a documentación necesaria para a venda dos seus elaborados, tanto a particulares como a empresas ou centros educativos. A formación tamén abordará os custes asociados ao uso das instalacións, co fin de que o alumnado dispoña dunha visión completa do funcionamento deste tipo de iniciativas.
As inscricións permanecerán abertas ata o 9 de abril e poden formalizarse a través do correo electrónico emprego@concellodebrion.gal ou no teléfono 981 88 70 06 (Ext. 47). A cota de participación é de 50 euros.
O programa está organizado polo Concello de Brión co apoio da Deputación da Coruña, a través da súa rede de espazos de traballo, e da asociación Daquídarredor, formada por persoas usuarias do coworking e encargada da xestión das instalacións.
O espazo colaborativo de Brión, en funcionamento desde 2019, experimentou un incremento progresivo da demanda, con participación maioritaria de persoas do propio municipio e doutros concellos próximos como Ames, Negreira ou Rois. Tamén se rexistrou a presenza de produtores procedentes doutras comarcas galegas, entre elas Santiago, Barbanza ou Terra de Soneira, así como doutros puntos do territorio como Ourense ou Vigo.

