InicioSANTIAGOSanidade e a Orde de Malta reforzan a atención sanitaria aos peregrinos...

Sanidade e a Orde de Malta reforzan a atención sanitaria aos peregrinos en Santiago cun novo convenio ata 2028

O acordo inclúe un dispositivo especial para o Xacobeo 2027 e consolida o punto asistencial na Praza do Obradoiro

Publicado o

Xornal de Compostela

O conselleiro de Sanidade e presidente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Antonio Gómez Caamaño, e o delegado da Fundación Hospitalaria da Orde de Malta, Enrique Marchesi-Herce, asinaron este martes un novo convenio de colaboración co obxectivo de garantir a asistencia sanitaria básica ás persoas peregrinas que chegan a Santiago de Compostela.

O acordo dá continuidade á colaboración iniciada no ano 2021 e establece a creación dun dispositivo común de atención sanitaria na Praza do Obradoiro, un dos principais puntos de chegada do Camiño. Neste espazo ofrecerase unha primeira valoración médica, curas básicas e estabilización de pacientes, así como a súa derivación ao sistema público de saúde nos casos que así o requiran.

Segundo o recollido no convenio, o 061 asumirá a dirección técnica e sanitaria do dispositivo, ademais de proporcionar material, equipamento e persoal especializado. Pola súa banda, a Orde de Malta encargarse da cesión das instalacións e do apoio loxístico, organizativo e de voluntariado para tarefas auxiliares.

O acto de sinatura tivo lugar na sede da Consellería de Sanidade e contou tamén coa presenza do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, e do subdelegado da Orde de Malta en Galicia, Rafael Vidal.

A vixencia do convenio estenderase ata o 31 de marzo de 2028, con opción de prórroga por catro anos adicionais. Ademais, crearase unha Comisión de Seguimento que elaborará un informe final co balance das atencións realizadas, incluíndo datos sobre patoloxías e número de intervencións.

DISPOSITIVO REFORZADO PARA O XACOBEO 2027

Entre as principais novidades do acordo destaca a previsión dun dispositivo extraordinario de reforzo asistencial con motivo do Ano Santo Xacobeo 2027. Este operativo contará cunha ampliación de recursos, incluíndo máis persoal, horarios máis amplos e a instalación de carpas adicionais.

O convenio incorpora tamén un plan de continxencia específico para facer fronte a situacións habituais entre peregrinos, como golpes de calor, deshidratacións ou posibles emerxencias colectivas durante o ano xubilar.

RESULTADOS DA CAMPAÑA ANTERIOR

A eficacia deste modelo de colaboración xa foi avaliada en experiencias previas. Durante a campaña estival de 2024, desenvolvida entre o 14 de xullo e o 18 de agosto, o dispositivo atendeu un total de 133 persoas peregrinas.

Segundo os datos recollidos, o 68% das asistencias estiveron relacionadas con lesións cutáneas por rozaduras, mentres que o 15% corresponderon a dores agudas derivadas de escordaduras ou sobrecargas musculares. Ademais, o 96% dos casos foron resoltos no propio punto asistencial, sen necesidade de derivación a outros centros sanitarios.

Este novo convenio consolida así a coordinación entre administración sanitaria e entidades sociais para dar resposta á afluencia de peregrinos na cidade, especialmente de cara aos próximos anos de maior intensidade no Camiño de Santiago.

ÚLTIMAS

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

A xuíza de Angrois apoia o indulto total da pena de prisión ao maquinista do Alvia

A maxistrada encargada da execución da sentenza polo accidente ferroviario de Angrois de xullo...

Declarado de interese autonómico o proxecto para crear un aparcadoiro de 1.500 prazas no CHUS

O Consello da Xunta declarou proxecto de interese autonómico (PIA) a reordenación da contorna...