A parroquia de Lestedo, no concello de Boqueixón, acollerá este domingo 22 de febreiro a xornada central da XLIII Festa da Filloa, unha cita declarada Festa de Interese Turístico Nacional que cada ano congrega milleiros de persoas na contorna compostelá.
Os actos comezarán ás 8:00, coa posta en marcha das máquinas filloeiras, que permanecerán activas durante toda a xornada. Ademais, cociñeiras e cociñeiros da localidade elaborarán filloas á pedra e noutras variedades, incluídas opcións recheas e salgadas, que se poderán degustar nas carpas instaladas arredor do campo da feira. No local social de Lestedo tamén se ofrecerán filloas sen glute para a súa compra.
A partir das 11:00 terá lugar a recepción oficial no Hotel Restaurante Vía da Prata, encabezada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, Juan Manuel Silva Hermida. Está confirmada a asistencia de numerosos representantes institucionais, entre eles o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como integrantes do Goberno galego, da Administración do Estado e responsables de distintos organismos públicos.
Entre as autoridades previstas figuran os conselleiros Diego Calvo Pouso, Román Rodríguez González e José López Campos, xunto co subdelegado do Goberno en Galicia, Julio Abalde Alonso, e a deputada provincial de Cultura, Natividade González Rodríguez, ademais doutros cargos autonómicos, provinciais e mandos das forzas e corpos de seguridade.
Ás 12:40 realizarase a foto institucional e, dez minutos despois, a comitiva oficial partirá a pé cara ao campo da feira encabezando o IX Desfile Intermunicipal de Xenerais da Ulla, acompañada pola música tradicional da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. No desfile participarán arredor de medio cento de Xenerais a cabalo, que está previsto que accedan ao recinto festivo arredor das 13:00.
A inauguración oficial desenvolverase ás 13:10, nun acto conducido pola actriz María Mera. Tras as intervencións do alcalde e do presidente da Asociación Cultural da Filloa, intervirán representantes institucionais antes de dar paso, ás 13:45, ao pregón a cargo de Emilio José de la Iglesia Lema, veciño de Lestedo e director xeral do gabinete técnico da Presidencia da Xunta.
De la Iglesia será unha das persoas que recibirá este ano o ‘Mandil de Honra’ da Filloa, unha distinción creada pola Asociación Cultural da Filloa e deseñada por Carmen Pichel. Xunto a el serán recoñecidos polo seu apoio á festa o presidente da Xunta, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o director da Axencia ONCE en Santiago e os presidentes das outras dúas Festas de Interese Turístico de Galicia que se celebran en Boqueixón: José Manuel Santos Blanco, da Asociación de Festexos San Bieito de Sergude, e Alejandro Pena Redondo, da Asociación de Carrozas do San Cidre.
A imposición dos mandís realizarase por parte de representantes municipais e autonómicos, entre eles o alcalde de Boqueixón e membros do Goberno galego, seguindo a orde establecida pola organización.
Unha vez concluído o acto institucional, ás 14:05 celebraranse os tradicionais atranques dos Correos e Xenerais no propio campo da festa. Participarán dúas parellas de Correos e seis de Xenerais, culminando cun atranque a cabalo entre a xenerala Olaia Canabal e María Mera.
A programación continuará ás 14:35 coa actuación do Grupo Ibiza e ás 15:00 co xantar institucional, que terá como prato central o Cocido de Lalín. Xa pola tarde, ás 18:30, as orquestras París de Noia e Origen pecharán a xornada festiva.
A Festa da Filloa de Lestedo, situada a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, consolídase así como unha das citas gastronómicas e culturais máis destacadas da comarca, combinando tradición culinaria, música e recreación histórica nun mesmo programa.

