O Concello de Ames sumouse este luns á convocatoria impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias e pola Federación Galega de Municipios e Provincias para gardar un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas do accidente de ferrocarril rexistrado o domingo en Adamuz.
A iniciativa materializouse cunha concentración institucional diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e tamén nas Oficinas de Servizos Sociais do O Milladoiro, co obxectivo de render unha homenaxe simbólica ás persoas falecidas e trasladar unha mensaxe de apoio ás persoas feridas e ás súas familias. No acto participaron membros da Corporación municipal e persoal do Concello.
Durante a concentración, a primeira tenente de Alcaldía, Susana Señorís, desculpou a ausencia do alcalde, Blas García, que non puido asistir por motivos de saúde. Señorís expresou unha mensaxe de solidariedade coas familias das vítimas, así como coas persoas feridas e co conxunto de afectados polo sinistro.
Así mesmo, a representante municipal trasladou o recoñecemento ao labor dos equipos médicos e dos servizos de emerxencia, salientando o traballo realizado durante a xestión deste grave accidente ferroviario. O Concello de Ames reiterou deste xeito o seu pesar polos feitos acontecidos e a súa adhesión institucional á convocatoria promovida polas federacións municipalistas.

