A praia fluvial de Tapia será escenario este sábado, 9 de agosto, dunha nova xornada de piragüismo no marco do IV Circuíto provincial da Deputación da Coruña. A partir das 16:00, un total de 285 padexeiros e padexeiras das categorías base competirán ao longo de 1.500 metros polo río Tambre, nunha das citas destacadas do verán deportivo na comarca.
A regata, organizada pola Deputación da Coruña, o club Ribeiras do Tambre, a Federación Galega de Piragüismo e o Concello de Ames, a través da súa Concellaría de Deportes, é a cuarta das cinco probas que integran o circuíto provincial, que xa visitou Rianxo, Outes e Miño. Tapia, por tanto, acollerá a penúltima etapa, antes da final que se celebrará en Narón o 21 de setembro.
A competición está dirixida ás categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, todas elas disputadas na modalidade de augas tranquilas e con probas individuais nas disciplinas de kaiak e canoa, tanto masculina como feminina. O punto de saída e chegada estará instalado na área recreativa da praia fluvial, onde tamén se habilitarán as zonas de embarque e desembarque para facilitar o desenvolvemento das probas.
Os clubs participantes nesta edición son: Ribeiras do Tambre, Ría de Betanzos, Deportivo Náutico de Miño, Grupo Xuvenil de Piragüismo As Pontes, Cabanas KDM, Náutico Firrete, Piragüismo Narón, Piragüismo Rianxo – Concello de Rianxo, Rías Baixas – Boiro, Escola de Piragüismo Outes e Sociedade Deportiva As Xubias.
A actividade deportiva prolongarase ata as 19:30, cunha última saída prevista para as 19:10. A continuación, ás 19:45 horas, terá lugar a entrega de premios, na que se repartirán medallas e trofeos ás tres primeiras posicións de cada categoría e modalidade, así como trofeos para os tres mellores clubs da xornada. Como colofón, ofreceranse pinchos para participantes e acompañantes a partir das 20:00.
Ademais dos resultados individuais, esta proba contribúe á clasificación acumulada do circuíto, que combina os puntos obtidos nas cinco regatas programadas. Deste xeito, a competición na praia de Tapia será clave para definir o podio final tanto en categoría individual como por equipos. O Concello de Ames anima á veciñanza a achegarse ao Tambre para gozar dunha tarde de deporte ao aire libre e en contacto coa natureza.

