InicioSANTIAGOA USC inaugurou o 'Espazo Baena' en memoria do último fusilado polo...

A USC inaugurou o ‘Espazo Baena’ en memoria do último fusilado polo franquismo, antigo alumno da universidade

O feito de que tivesen que deixar os seus números de DNI para publicar o anuncio provocou a súa identificación e a necesidade de fuxir para evitar a detención

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) inaugurou este xoves o ‘Espazo Baena’ na Facultade de Xeografía e Historia, un espazo situado na antecámara da biblioteca e que rende tributo a Xosé Humberto Baena Alonso, antigo alumno de Filosofía e Letras e militante antifranquista que foi o último executado polo réxime o 27 de setembro de 1975.

Xosé Humberto Baena Alonso (Vigo, 1950 – Foxo de Manzanares, 1975) foi estudante no edificio que hoxe alberga a Facultade de Xeografía e Historia, entón Facultade de Filosofía e Letras. Militante antifranquista, en 1975 foi acusado de asasinato e pertenza ao FRAP nun procedemento militar sumario e condenado á morte, sendo fusilado o 27 de setembro dese mesmo ano.

O tribunal que o xulgou e a sentenza ditada foron posteriormente declarados ilegais, ilexítimos e nulos mediante a Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal emitida polo Goberno de España o 16 de xullo de 2025.

No acto deste xoves, presidido pola reitora da USC, Rosa Crujeiras; o decano da facultade, Antonio Míguez Macho; e Flor Baena e Fernando Baena, irmáns do novo executado, inaugurouse este espazo de homenaxe que conta cunha placa conmemorativa, varias fotografías do novo e a última carta que escribiu aos seus pais antes da súa execución.

Durante a súa intervención, Flor Baena lembrou ao seu irmán como un mozo “idealista” e “nobre” que comezou o seu activismo nas propias aulas compostelás, onde foi detido tras unha sentada estudantil que lle carrexou os seus primeiros antecedentes policiais.

Segundo o relato da súa irmá, o destino de Xosé Humberto quedou selado o 1 de maio de 1975. Tras a morte dun traballador a mans da policía nunha manifestación en Vigo, Baena e outros amigos fixeron unha colecta para publicar unha necrolóxica e enviar unha coroa de flores na que puxese ‘Morto pola represión policial’.

O feito de que tivesen que deixar os seus números de DNI para publicar o anuncio provocou a súa identificación e a necesidade de fuxir para evitar a detención. Xa en Madrid, Baena foi acusado o asasinato dun policía o 14 de xullo de 1975.

Flor Baena denunciou que se tratou dunha acusación “imposible”, xa que o día anterior o seu irmán atopábase na fronteira con Portugal. “Era imposible que, cun coche vello, chegase da fronteira a Madrid nese tempo”, subliñou a irmá.

“NON SON CULPABLE”

Nesta liña, cualificou o proceso xudicial posterior como unha “farsa”, pois o seu irmán foi xulgado por un tribunal militar que non admitiu probas de balística, nin impresións dixitais, nin o testemuño das testemuñas da defensa. O desenlace foi unha das últimas execucións do franquismo.

Segundo destacou Flor, Xosé Humberto Baena mantivo a súa inocencia ata o final. “Díxonos que, efectivamente, el non fora, pero que non podía falar porque el era unha persoa moi nobre”, detallou.

Pero a represión non terminou co fusilamento de Xosé Humberto, Flor Baena relatou como, cando o corpo estaba a ser trasladado a Vigo nun coche fúnebre, a policía interceptou o vehículo no Porriño para enterralo no cemiterio de Pereiro sós e sen presenza da familia . “Ao meu pai doeulle moitísimo que, despois de morto, aínda llo roubaron”, lamentou.

Así mesmo, revelou que, tras un intento da familia de reabrir o caso en Madrid xa nos inicios da Transición, a súa casa foi incendiada. O lume destruíu toda a documentación, libros e poemas de Xosé Humberto, no que a familia considera un intento de eliminar calquera proba que puidese demostrar a súa inocencia.

REPARACIÓN OFICIAL

Tras décadas de loita en tribunais españois, en Estrasburgo e ante a xustiza arxentina, Flor Baena lembrou que o 16 de xullo de 2025 –hai un ano– o Goberno de España declarou finalmente ilegais e nulas as sentenzas ditadas contra o seu irmán. “Deume unha alegría enorme, pero canseime de chorar porque a el xa non lle devolvemos nada”, confesou emocionada.

Pola súa banda, a reitora Rosa Crujeiras reafirmou que a USC asume a súa responsabilidade de “preservar a memoria” e transmitir valores democráticos. Destacou que o ‘Espazo Baena’ “non é un espazo para a nostalxia, é un lugar para a memoria, para o coñecemento e, sobre todo, para a reflexión”.

O decano Antonio Míguez concluíu que o obxectivo é que este sexa un “espazo vivo” e de socialización estudantil, restituíndo simbólicamente a presenza de Baena nas aulas das que foi alumno.

“Xosé Humberto Baena era un militante, era un antifascista. Estaba a loitar contra unha ditadura fascista, que era a ditadura franquista. E iso tamén queremos que se entenda e que estea presente nese espazo”, concluíu o decano.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...