A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recibiu este luns no seu despacho de San Caetano ao alcalde de Boiro, José Ramón Romeu, para abordar diferentes asuntos de interese relacionados coa mellora do agro neste municipio. Así, tratáronse cuestións como a posta en valor e acondicionamento de camiños de titularidade municipal.
Neste sentido, fai falta lembrar que Boiro se beneficiou de achegas por parte da Xunta de 224.115 euros desde 2020 para a mellora destas vías, un orzamento que permitiu actuar en ata 9 camiños diferentes. Só para o período 2025-2026, o municipio recibiu unha axuda de 55.575 euros por leste mesmo concepto.
Por outra banda, tamén no campo do desenvolvemento rural, hai que sinalar que este concello ten activo actualmente un proceso de reestruturación parcelaria. Trátase do de Cures, que se atopa en fase de acordo firme e que beneficiará a preto de 1.380 propietarios, cunha superficie que supera as 640 hectáreas.

