O Día de Santiago en Padrón celebrouse este luns de Pascua coa participación da Corporación municipal compostelá, encabezada pola alcaldesa Goretti Sanmartín, nunha xornada marcada polo reforzo dos vínculos históricos entre ambas localidades.
A delegación de Santiago de Compostela foi recibida oficialmente na Casa do Concello de Padrón, onde tivo lugar o tradicional intercambio de bastóns de mando e pendóns. Posteriormente, no salón de plenos, os representantes institucionais de ambos municipios dirixíronse á cidadanía.
Durante a súa intervención, a alcaldesa compostelá fixo fincapé nos “retos en común” que comparten ambas vilas. Entre eles, mencionou cuestións como o turismo sustentable, o acceso á vivenda e a mobilidade, sinalando que Padrón impulsa a súa proxección como capital do ciclismo galego, mentres que Santiago traballa nun novo modelo de mobilidade urbana con iniciativas como o conector central. Ademais, Sanmartín apelou a “desenvolver unha política do diálogo, sen descualificacións”.
No marco do acto institucional, o Concello de Padrón fixo entrega ao de Santiago de dous agasallos: unha copia do Libro da Pascua de Padrón, ilustrado por primeira vez por unha muller, Ángela Ríos, e o volume Palmeiras, piueiros, de Anxo Angueira.
A xornada concluíu cunha vertente cultural, coa actuación das bandas municipais de ambas localidades, que puideron ser seguidas pola veciñanza participante.
Esta celebración constitúe unha cita anual que simboliza a relación histórica entre Santiago e Padrón, e que ten continuidade nas festas do Apóstolo, cando se celebra o Día de Padrón na capital galega.

