InicioSOCIEDADEAlarma no aeroporto de Santiago por un accidente aéreo simulado con 19...

Alarma no aeroporto de Santiago por un accidente aéreo simulado con 19 vítimas mortais

Un amplo operativo de emerxencias participou nun exercicio que recreou un avión saíndo da pista e incendiándose durante a aterraxe, coa activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga)

Publicado o

Xornal de Compostela

Un amplo operativo de emerxencias mobilizouse este venres en Santiago de Compostela por mor dun simulacro de accidente aéreo organizado no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, no que se recreou o sinistro dunha aeronave durante a manobra de aterraxe con saída de pista á altura do municipio do Pino. O exercicio, segundo explicou AENA, baseouse nun escenario no que un avión modelo CRJ200 que cubría a ruta Madrid-Santiago, con 36 pasaxeiros e catro tripulantes, sofre un incidente descoñecido durante a aterraxe e acaba saíndo da pista.

Ao impactar co terreo, a aeronave sufre danos estruturais que provocan un incendio, cun balance simulado de 19 falecidos, 13 feridos graves ou moi graves e oito feridos leves ou ilesos. Debido á magnitude do accidente recreado, activouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e mobilizáronse numerosos efectivos de emerxencias de distintas administracións, desde o Goberno central ata a Xunta e o Concello de Santiago. No propio aeroporto habilitáronse tamén salas para persoas ilesas e feridos leves, así como espazos de atención a familiares das vítimas.

AENA advertiu previamente á cidadanía a través da rede social X de que non se alarmase ante a presenza de equipos de emerxencia, fume ou lume, xa que se trataba dun exercicio programado para comprobar o funcionamento dos protocolos de actuación. Segundo explicou o organismo aeroportuario, este tipo de simulacros realízanse periodicamente para garantir a seguridade nas instalacións aeroportuarias e avaliar a coordinación entre os diferentes servizos de emerxencia.

COORDINACIÓN DE MÚLTIPLES SERVIZOS DE EMERXENCIAS

No exercicio participou o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, xunto con efectivos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), da Fundación Pública Urxencias de Galicia-061 e do servizo provincial de emerxencias da Coruña. Tamén interviñeron medios internos do aeroporto, así como efectivos da Delegación do Goberno en Galicia, Protección Civil, bombeiros de Santiago, bombeiros do Consorcio Provincial da Coruña, ademais da Policía Local e da Garda Civil. Para a atención ás vítimas colaboraron igualmente o Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias e Catástrofes (Gipce), o Grupo de Intervención de Emerxencias Sociais (GIES), Cruz Vermella e a figura da persoa de contacto para asistencia a vítimas (PECO).

Durante o simulacro desprazouse tamén o vehículo do Posto de Mando Avanzado da Axega, desde o que se coordinou a intervención dos diferentes equipos unha vez activado o Platerga. A partir dese momento constituíuse un Centro de Coordinación Operativa, no que se integrou o posto de mando do aeroporto co posto de mando avanzado, activándose tamén os puntos de recepción de medios, guía e encontro, así como as salas de atención a persoas ilesas e familiares. Tanto AENA como a Xunta subliñaron a importancia deste tipo de exercicios para comprobar o funcionamento dos protocolos e mellorar a coordinación entre os distintos servizos de emerxencia ante un posible sinistro real.

ÚLTIMAS

O goberno de Santiago impulsará por licitación a revisión dos estudos da auga e unha auditoría do servizo

O goberno municipal de Santiago iniciará unha nova fase para avanzar na regularización do...

O Concello levará a pleno a aprobación definitiva da ordenación da parcela de Peleteiro

O Concello de Santiago levará ao pleno ordinario do día 26 a aprobación definitiva...

Sanmartín defende a nova solicitude de zona tensionada e responde ás críticas da oposición

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, saíu ao paso das críticas formuladas por PP...

Borja Verea reivindica a senda ciclista Santiago–Milladoiro como unha infraestrutura clave para mellorar a mobilidade

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou a senda ciclista que...

A Xunta formaliza a candidatura de Santiago para ser Cidade Europea da Ciencia en 2028

A Xunta de Galicia formalizou este xoves a súa candidatura para que Santiago de...

Polémica pola senda do Milladoiro a Santiago: o BNG fala de “chapuza” e a Xunta defende o novo trazado para non afectar ao Banquete...

A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza Martínez, defendeu este xoves o...

A USC xa ten nova reitora: Rosa Crujeiras acada a vitoria co 61,65% dos votos

A Universidade de Santiago de Compostela xa ten nova reitora. A catedrática de Estatística...