InicioSANTIAGOSantiago celebra os 30 anos da Agrupación de Protección Civil cun acto...

Santiago celebra os 30 anos da Agrupación de Protección Civil cun acto institucional e varias actividades abertas á cidadanía

O Auditorio de Galicia acollerá este venres o acto central da conmemoración, mentres que nas próximas semanas haberá andainas polo Camiño e unha xornada de portas abertas en San Lázaro

Publicado o

Xornal de Compostela

A Agrupación de Protección Civil de Santiago de Compostela celebrará esta semana o 30 aniversario da súa creación cun programa de actividades que inclúe un acto institucional, unha andaina polo Camiño de Santiago e unha futura xornada de emerxencias aberta á cidadanía. A iniciativa foi presentada este xoves polo concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, acompañado pola xefa da agrupación, Begoña del Río, e por voluntarios do servizo.

O acto central da conmemoración terá lugar este venres 13 de marzo ás 19:00 na sala Mozart do Auditorio de Galicia, coincidindo coa data na que quedou constituída oficialmente a agrupación en 1996. Durante o evento entregaranse distincións a voluntarios e voluntarias pola súa permanencia no servizo, con recoñecementos para persoas que levan máis de cinco, dez e mesmo vinte anos formando parte da organización.

Segundo explicou Duro, tamén se recoñecerá a colaboración de outras agrupacións de Protección Civil e institucións que participan nos operativos conxuntos, especialmente nos grandes eventos que se desenvolven na cidade.

Durante a presentación, o concelleiro destacou a evolución do servizo desde os seus inicios. Lembrou que a agrupación comezou cunha infraestrutura moi limitada: “Protección Civil realmente non era máis ca unha mesa e unha cadeira nun pavillón de madeira que había na Trindade”, indicou, subliñando que naquela etapa os medios eran escasos pero existía unha forte vontade de servizo por parte das primeiras persoas voluntarias.

Duro puxo en valor o papel das persoas que impulsaron o proxecto nos seus comezos, entre elas o daquela concelleiro Xosé Sánchez Bugallo e o xefe da Policía Local José Manuel Traba, así como o compromiso dos primeiros voluntarios.

Na actualidade, a agrupación conta con máis de 50 persoas voluntarias e participa cada ano en máis dun milleiro de operativos, unha cifra moi superior aos 290 servizos realizados no primeiro ano de funcionamento.

O concelleiro tamén lembrou a presenza do colectivo en situacións de especial relevancia para a cidade, como o accidente ferroviario de Angrois, a pandemia da COVID-19 ou outras intervencións de carácter humanitario. “Moitas veces sen as persoas voluntarias de Protección Civil Compostela non funcionaría”, afirmou.

ANDAINAS E XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Ademais do acto institucional, a programación inclúe unha andaina este sábado polo último tramo do Camiño de Santiago, organizada como actividade conmemorativa.

A xefa da agrupación avanzou tamén a preparación dunha xornada de emerxencias e portas abertas prevista para o mes de xuño, que se desenvolvería na contorna da base de Protección Civil en San Lázaro. O obxectivo é mostrar á cidadanía os medios cos que traballan os distintos servizos de emerxencias, con demostracións e exposición de vehículos e equipamentos.

Segundo explicou Del Río, a iniciativa contará coa participación de outros corpos e servizos, como o helicóptero do 061, Policía, bombeiros ou brigadas forestais, para dar a coñecer o funcionamento da resposta ante emerxencias.

UNHA AGRUPACIÓN CON PERFÍS MOI DIVERSOS

Durante a rolda de prensa, Del Río destacou tamén a diversidade de perfís entre as persoas voluntarias. Segundo indicou, na agrupación hai persoas de distintas idades e profesións, desde estudantes ata persoas xubiladas, ademais de técnicos de emerxencias, informáticos, bombeiros ou traballadores doutros ámbitos.

A responsable do servizo subliñou que a participación cidadá resulta esencial para o funcionamento dos dispositivos de seguridade en grandes eventos ou en situacións de emerxencia. “Os eventos que se celebran na cidade non serían posibles sen o traballo das persoas voluntarias”, afirmou.

Tamén explicou que Protección Civil participa habitualmente en tarefas de apoio como operativos de tráfico en carreiras e eventos, atención en dispositivos do Camiño de Santiago ou buscas de persoas desaparecidas, entre outras actuacións.

Ao remate da presentación, Del Río quixo expresar o seu recoñecemento ao colectivo: “Estou profundamente orgullosa de poder traballar cos voluntarios; cada día aprendo algo novo deles”, concluíu.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here