InicioSANTIAGOOs bombeiros de Santiago realizaron 1.923 intervencións en 2025, cun aumento dos...

Os bombeiros de Santiago realizaron 1.923 intervencións en 2025, cun aumento dos incendios ata a cifra máis alta dende 2017

O servizo municipal reforzou tamén as accións de prevención e formación, que chegaron a máis dun milleiro de escolares ao longo do ano

Publicado o

Xornal de Compostela

O Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago de Compostela realizou ao longo de 2025 un total de 1.923 intervencións, unha cifra lixeiramente inferior á rexistrada no exercicio anterior. Con todo, os datos amosan un incremento nos incendios, que alcanzaron as 210 actuacións, o que supón o número máis elevado desde o ano 2017.

Segundo os datos do balance anual do servizo, o descenso global das saídas —case un cento menos que en 2024— explícase principalmente pola redución dalgunhas tipoloxías de intervención. É o caso das actuacións por caída de árbores, que pasaron de 288 en 2024 a 141 no pasado ano, e das intervencións para retirar enxamios, que descenderon de 309 a 191.

Tamén diminuíron as actuacións relacionadas coa retirada de niños de insectos, en especial da avespa velutina, cun volume moi inferior ao rexistrado en anos anteriores. O máximo alcanzárase en 2017, con 1.359 intervencións deste tipo. A diminución está vinculada á adhesión do Concello de Santiago ao convenio coa FEGAMP, polo que é a empresa pública SEAGA quen se encarga destas tarefas.

Aumento de incendios e actuacións preventivas

Fronte a esta redución nalgunhas intervencións, outras tipoloxías rexistraron un aumento durante 2025. Entre elas destacan as inspeccións e labores preventivas, que pasaron de 512 actuacións en 2024 a 697 no último ano.

Tamén medrou o número de incendios atendidos polos bombeiros composteláns, que se incrementaron de 197 a 210 intervencións. Dentro desta cifra, os incendios forestais duplicáronse, ao pasar de 17 casos en 2024 a 34 durante 2025.

Formación e sensibilización da cidadanía

No ámbito da prevención, o servizo municipal impulsou diversas iniciativas de formación e sensibilización dirixidas á cidadanía, co obxectivo de mellorar a resposta ante situacións de risco e contribuír a reducir os seus efectos.

Ao longo do ano pasado, 650 escolares visitaron as instalacións dos bombeiros, onde participaron en actividades divulgativas sobre prevención e actuación ante emerxencias. Ademais, máis de 600 estudantes tomaron parte nas accións organizadas con motivo da Semana da Prevención de Incendios.

A actividade formativa completouse coa participación do servizo en máis de 35 simulacros realizados en empresas e edificios de pública concorrencia, nos que se puxeron en práctica protocolos de evacuación e actuación ante posibles emerxencias.

Novas incorporacións e mellora de medios

Durante 2025 tamén se produciron novas incorporacións ao cadro de persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento. En total sumáronse cinco bombeiros-condutores, dúas bombeiras de xestión operativa e preventiva e unha auxiliar.

En canto aos medios materiais, o Concello adxudicou o contrato para a subministración de dous novos camións e un vehículo lixeiro, que está previsto que entren en servizo ao longo de 2026.

Celebración do patrón dos bombeiros

Coincidindo coa festividade de San Xoán de Deus, patrón dos bombeiros, o parque municipal celebrará este 8 de marzoun acto institucional que estará presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e no que tamén participará o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro. O encontro servirá para recoñecer o labor desenvolvido polo servizo ao longo do último ano.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here