O Concello de Santiago continúa a desenvolver diferentes actuacións de reparación e renovación de pavimentos en diversas zonas do municipio. A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, acompañada polo concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, supervisou esta semana varios dos traballos que se están a executar.
Unha das intervencións de maior investimento realizouse na estrada N-634, na conexión coa zona de San Marcos, onde se destinan 120.000 euros para mellorar o estado do firme. Esta actuación céntrase na rexeneración do pavimento co obxectivo de mellorar as condicións de circulación nun dos accesos viarios da cidade.
Durante a visita, a alcaldesa tamén se desprazou á Costa do Vedor, onde se levou a cabo a mellora do cruzamento coa rúa de Quiroga Palacios. Neste punto realizáronse actuacións destinadas a incrementar a seguridade peonil, coa instalación de nova sinalización e a adaptación dos pavimentos mediante rebaixes, co fin de reducir barreiras arquitectónicas.
Esta intervención forma parte dun proxecto máis amplo que abrangue máis de 16 puntos da cidade e que inclúe a rexeneración de pavimentos de asfalto que se están executando ao longo desta semana.
Durante o percorrido pola zona, Sanmartín mantivo tamén un encontro con veciños e veciñas da Costa do Vedor, que lle trasladaron diversas cuestións relacionadas co estado da rúa. Nesta calzada, caracterizada pola súa forte pendente, instalouse recentemente un punto de recollida de lixo e están previstas novas actuacións de mellora da accesibilidade, entre elas a colocación de pasamáns.
TRABALLOS EN DISTINTOS BARRIOS
As brigadas municipais de asfaltado continúan a actuar en diferentes puntos do termo municipal. Nesta mesma xornada de xoves realizáronse traballos na rúa de Polonia e na rúa de Malta, situadas no polígono do Tambre, ademais da intervención xa mencionada na N-634.
Nos últimos días tamén se executaron actuacións de mellora do pavimento en varias rúas do barrio das Fontiñas, concretamente en Lisboa, Berlín, Londres, París, Roma, Bruxelas e Moscova. Outros puntos incluídos neste programa de intervencións son a rúa de San Lázaro e o Camiño Francés, así como as rúas República de Arxentina e Gómez Ulla, no Ensanche compostelán.
A estas actuacións súmanse tamén traballos realizados noutras localizacións como a Ponte Vella de Vidán ou o Burgo das Nacións.
Ademais das intervencións sobre asfalto, o Concello está a levar a cabo reparacións en pavimentos de pedra, especialmente no ámbito da rúa de San Pedro, onde se están a revisar e restaurar distintos tramos de empedrado. Estas actuacións forman parte das tarefas de mantemento periódico que o goberno local realiza na rede viaria urbana.

