O Concello de Santiago presentou este martes o programa de actividades co gallo do Día Internacional das Mulleres, que se desenvolverá ao longo do mes de marzo en distintos espazos da cidade. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, compareceu xunto coa directora de área Clara Ortega para dar a coñecer unha programación que combina actos institucionais, iniciativas culturais e accións comunitarias.
A primeira cita terá lugar o venres 6 de marzo ás 11:30 no Pazo de Raxoi, coa lectura da declaración institucional aprobada por unanimidade no último pleno municipal. No mesmo acto darase a coñecer o fallo do Premio Xoana Torres, correspondente á presente edición.
O luns 9 de marzo ás 19:00 no Teatro Principal celebrarase un acto de recoñecemento a oito mulleres de Compostela, unha iniciativa tamén acordada por unanimidade. A alcaldesa explicou que a data foi trasladada ao luns ao coincidir o 8 de marzo en domingo e estar previstas mobilizacións na cidade.
Segundo detallou, as homenaxeadas pertencen a ámbitos diversos como o cultural, social, sanitario, político, comercial ou da seguridade, co obxectivo de visibilizar traxectorias representativas do tecido compostelán. Sanmartín fixo un chamamento á participación cidadá nesta celebración pública.
BEGOÑA CAAMAÑO COMO REFERENTE DA CAMPAÑA
A campaña institucional deste ano leva por lema “Tecendo Redes. Escribir o Futuro” e toma como figura central a escritora e xornalista compostelá Begoña Camaño, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026.
Sanmartín subliñou que Camaño foi “unha importante activista feminista” que concibía o feminismo como unha loita de transformación social interconectada con outras causas como o pacifismo ou a defensa da xustiza social. O lema xoga coa idea da escrita como ferramenta de cambio e coa necesidade de construír redes de sororidade fronte ás regresións en materia de dereitos.
A imaxe da campaña xa está presente en dez mupis e dous autobuses urbanos, e poderá descargarse desde a web municipal para a súa difusión en comercios, centros socioculturais e espazos públicos.
A programación estrutúrase arredor de tres grandes actividades. A primeira delas é o obradoiro creativo “Reescribir o futuro: mitos e outras voces”, dirixido por Ángela Alema e Sara Villar, que propón unha revisión crítica de relatos tradicionais desde unha perspectiva feminista. Desenvolverase en dúas quendas: os martes 10, 17 e 24 de marzo de 18:00 a 20:00 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, e os martes 7, 14 e 21 de abril de 17:00 a 19:30 no Centro Sociocultural do Ensanche. As prazas son limitadas e requiren inscrición previa en liña.
A segunda proposta, “Encontros que pintan o futuro”, inclúe unha sesión de diálogo arredor do pensamento feminista de Camaño, dinamizada pola profesora María Rúa o 12 de marzo de 18:00 a 20:00 na Casa Xoana Torres, seguida da creación dun mural colaborativo guiado pola ilustradora Irene Sanjuan.
A terceira acción, titulada “Fiando sororidade”, consistirá na elaboración dunha rede simbólica a partir de fragmentos de tea nos que a cidadanía poderá escribir mensaxes vinculadas á igualdade e á prevención das violencias machistas. Esta actividade desenvolverase do 5 ao 12 de marzo nos centros socioculturais de Conxo, Fontiñas, Maruxa e Coralia e Laraño, e do 13 ao 19 de marzo nos de Santa Marta, Castiñeiriño, Vite e Lavacolla. A instalación final exhibirase no Parque Begoña Camaño.
A CONCILIACIÓN, UN RETO PENDENTE
Durante a rolda de prensa, a alcaldesa referiuse tamén á súa condición de primeira muller á fronte da Alcaldía compostelá, cualificando esta circunstancia como “unha anomalía histórica”. Sanmartín apuntou ás dificultades de conciliación e aos horarios “prohibitivos” da actividade política como factores que condicionan a presenza de mulleres en cargos de alta responsabilidade institucional.
A rexedora sinalou que, malia os avances acadados en distintos ámbitos, persisten obstáculos estruturais que dificultan unha normalización plena da participación feminina na vida política.
Co conxunto destas iniciativas, o Concello busca promover unha conmemoración do 8M que combine memoria, creación colectiva e visibilización de referentes femininos na cidade.

