O grupo Xenética en Cancro e Enfermidades Raras do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica participaron nun estudo internacional centrado na interpretación de variantes xenéticas nos xenes BRCA1 e BRCA2, asociados ao cancro hereditario de mama e ovario. O traballo foi publicado na revista científica Clinical Chemistry.
A investigación analizou 17 variantes xerminais detectadas en familias con sospeita de predisposición hereditaria a estes tumores. O obxectivo foi determinar o seu impacto sobre o proceso de splicing, un mecanismo celular que modifica o ARN mensaxeiro antes da produción de proteínas funcionais. Para iso, estudouse o ARN dos portadores e realizáronse ensaios funcionais mediante minixenes híbridos.
Segundo explica Olivia Fuentes Ríos, primeira autora do artigo xunto a Marta Santamariña, “a clasificación clínica das variantes realizouse seguindo as guías ACMG/AMP específicas para BRCA1 e BRCA2, de acordo coas recomendacións do Panel de Expertos de Variantes BRCA1 e BRCA2 de ClinGen ENIGMA e do Subgrupo de Interpretación de Variantes de Secuencia de ClinGen”.
As mutacións nestes xenes poden estar detrás de até o 25 % dos casos de cancro hereditario de mama e ovario, aínda que non todas as alteracións que afectan ao splicing teñen consecuencias patolóxicas. Un número significativo de variantes permanece catalogado como “de significado incerto”, o que dificulta a toma de decisións clínicas en materia de prevención ou tratamento.
RESULTADOS DA ANÁLISE
O estudo permitiu clasificar catro variantes como patoxénicas ou probablemente patoxénicas, o que implica un risco elevado de desenvolver cancro e pode derivar en recomendacións de seguimento intensivo, intervención cirúrxica preventiva ou terapias dirixidas.
Outras dez variantes foron consideradas benignas ou probablemente benignas, mentres que tres continúan como de significado incerto, á espera de nova evidencia que permita precisar a súa relevancia clínica.
Estas clasificacións son empregadas nos diagnósticos xenéticos e constitúen unha ferramenta clave para orientar a atención sanitaria. Ana Vega, coautora senior do artigo e líder do grupo compostelán, sinala que “ademais de refinar a clasificación clínica das variantes sinaladas, este estudo destaca a importancia de combinar evidencia experimental e predicións computacionais para mellorar a interpretación xenética e a avaliación do risco de cancro hereditario”.
A participación dos equipos vinculados a Santiago de Compostela neste traballo sitúa á investigación biomédica galega no ámbito da colaboración internacional en medicina xenómica, cun impacto directo na práctica clínica e na avaliación do risco hereditario en pacientes e familias.

