InicioSANTIAGOXulgado un home acusado de estafar máis de 25.000 euros nunha operación...

Xulgado un home acusado de estafar máis de 25.000 euros nunha operación de venda de vehículos

A Fiscalía solicita catro anos de prisión por un delito continuado de falsidade documental e outro de estafa tras unha suposta operación fraudulenta con cinco coches en 2022

Publicado o

Xornal de Compostela

A sección compostelá da Audiencia Provincial da Coruña celebrará o vindeiro xoves, día 5, o xuízo contra un home ao que a Fiscalía atribúe un delito continuado de falsidade documental e outro de estafa, polos que pide unha pena conxunta de catro anos de prisión.

Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, os feitos remóntanse ao ano 2022. O procesado, que actuaba como intermediario habitual na compravenda de vehículos e carece de antecedentes penais, tería percibido 25.305 euros nunha operación coa empresa Vayper automoción que, de acordo coa acusación pública, non se desenvolveu nos termos pactados.

De acordo coa versión da Fiscalía, en setembro de 2022 o acusado remitiu un correo electrónico ao administrador mercantil da empresa no que detallaba unha oferta de venda de cinco vehículos. O orzamento incluía un Audi A5 por 14.500 euros, un Seat León por 12.500 euros, un Smart Four por 2.500 euros, un Nissan Qashqai por 6.990 euros e un Volkswagen Tiguan por 16.900 euros.

O importe total da operación ascendía a 53.390 euros. Tras aceptar a proposta, o administrador procedeu a realizar o ingreso da cantidade acordada nunha conta bancaria titularidade do acusado.

Sempre segundo o relato do Ministerio Público, unha vez recibido o diñeiro, o intermediario fixo entrega de tres dos vehículos ofertados —o Smart, o Nissan Qashqai e o Seat León— en lugar dos cinco inicialmente incluídos na oferta.

Ademais, a Fiscalía sostén que as facturas correspondentes foron “manipuladas”, modificándose “a data de emisión das mesmas así como o prezo dos vehículos de forma que se reducía notablemente o seu importe”, co obxectivo de alterar as condicións económicas da operación.

Por estes feitos, o Ministerio Fiscal considera que os feitos son constitutivos dun delito continuado de falsidade documental e doutro de estafa. Xunto á pena de prisión, solicita tamén a imposición dunha multa de doce meses cunha cota diaria de dez euros.

En concepto de responsabilidade civil, a acusación interesa que o procesado indemnice ao administrador de Vayper automoción na contía de 25.305 euros, correspondente á cantidade que, segundo a Fiscalía, non foi compensada coa entrega efectiva dos vehículos.

ÚLTIMAS

A Garda Civil rescata no río Ulla o cadáver do veciño de Teo desaparecido

A Garda Civil recuperou na tarde deste sábado o corpo sen vida dun veciño...

Milleiros de persoas percorren Santiago para reclamar máis recursos e menos ratios no ensino público

A Alameda de Santiago foi este sábado o punto de partida dunha mobilización convocada...

UCIN insta a PP e BNG a promover unha moción de censura no Concello de Ames

O coordinador de José Luis Calo, representante de UCIN, fixo pública a súa petición...

Borja Verea despídese da tenda ‘A Gata Tola’ tras o anuncio do seu peche definitivo

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, achegouse nos últimos días á...

Xulgan en Compostela unha muller acusada de portar máis de 1.000 euros en billetes falsos nunha lavandería

Unha muller sentará no banco dos acusados o vindeiro 6 de marzo na Sección...

Maite Flores reclama “máis transparencia” a Rosa Crujeiras no arranque da segunda volta das eleccións á Reitoría da USC

A catedrática de Óptica e candidata á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela,...

Falece un home tras sufrir un atropelo en Santiago de Compostela

Un home faleceu na tarde deste xoves tras sufrir un atropelo en Santiago de...