A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, denunciou a colocación de carteis do BNG en varios sinais de tráfico nas entradas da cidade. Otero cualificou este feito de “ilegal e impropio de quen ten a responsabilidade de gobernar”, sinalando que non se pode utilizar un elemento oficial de tráfico como soporte para propaganda partidista. “As normas están para cumprilas”, salientou a edila popular nunha nota de prensa.
Desde o PP local lembraron que a Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria prohibe expresamente a colocación de publicidade ou calquera elemento que poida afectar á visibilidade ou á correcta identificación dos sinais viarios. Así mesmo, a formación asegurou que as propias ordenanzas municipais contemplan sancións pola instalación de publicidade sen autorización e pola ocupación indebida do espazo público da capital galega.
Para Olaya Otero, a situación simboliza un Executivo máis preocupado pola “propaganda e a ideoloxía” que por resolver os problemas reais dos composteláns. Por este motivo, a concelleira esixiu ao Goberno que lidera Goretti Sanmartín que actúe con responsabilidade e tramite as correspondentes sancións ao BNG de Santiago, sen que existan “privilexios nin dobre vara de medir” á hora de aplicar a normativa vixente.

