A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este xoves 12 de febreiro no Pleno do Debate do Estado do Concello para presentar o balance da acción de goberno desenvolvida nos últimos doce meses e avanzar as liñas estratéxicas que marcarán o futuro inmediato da cidade.
Durante a súa intervención, a rexedora enumerou os principais fitos acadados en 2025, entre eles a implantación da recarga municipal ao imposto de estadías turísticas, a culminación da poxa pública de inmobles inscritos no Rexistro de Soares ou a modificación do Plan especial da Cidade Histórica. Ao mesmo tempo, situou como prioridades de futuro o Concurso internacional de ideas do Conector Central, a transformación do Ensanche e da zona norte, a adxudicación do contrato de transporte e o novo modelo de comedores escolares.
Sanmartín apelou á “obriga inescusable de pensar a cidade para as vindeiras xeracións” e defendeu a necesidade de actuar con perspectiva de medio e longo prazo. “Desenvolver políticas para o medio e o longo prazo, en voo alto e non rasante, debe ocuparnos e preocuparnos”, afirmou. A alcaldesa recoñeceu que as transformacións estruturais requiren tempo, mais asegurou que o goberno municipal traballa “na liña correcta” para deixar mudanzas duradeiras, compatibilizando esa planificación coas necesidades do día a día.
PARTICIPACIÓN E CRECEMENTO DEMOGRÁFICO
No ámbito institucional, a alcaldesa destacou a creación de novas canles de participación, como os Consellos Municipais ou a Mesa Sectorial de Vivenda. Tamén sinalou que Santiago superou a cifra dos 100.000 habitantes e indicou que a cidade presenta indicadores de calidade de vida e condicións económicas por riba da media galega.
A rexedora contrapuxo a imaxe de polarización política á realidade dunha cidade que definiu como espazo de “acollida e benvida”, convidando a revisar os feitos desenvolvidos nos distintos ámbitos municipais.
No eido da transformación urbana, confirmou que o Consorcio acometerá este ano unha intervención no Arco de Mazarelos, e que nas próximas semanas estará dispoñible o proxecto definitivo para recuperar a rasante orixinal de Castrón Douro.
Respecto ao Conector Central, indicou que o xurado se reunirá o 20 de febreiro para seleccionar cinco propostas entre as 22 presentadas na primeira fase do concurso. O obxectivo é configurar un espazo adaptado a diferentes formas de mobilidade, incluíndo vehículos, bicicletas e outros medios de desprazamento.
A alcaldesa tamén avanzou a intención de redefinir o modelo do Ensanche, reducindo o protagonismo do automóbil e favorecendo un deseño urbano máis sustentábel e centrado nas persoas, con alternativas de estacionamento na estación intermodal e no recinto do CHUS.
En relación coa Cidade Histórica, subliñou que a modificación do plan especial permitirá reforzar o comercio de proximidade e facilitar a rehabilitación de vivendas de menor tamaño para favorecer o asentamento de poboación.
VIVENDA E REGULACIÓN DA HOSPEDAXE
Sanmartín anunciou que o Concello estuda reformar os requisitos de implantación de establecementos de hospedaxe en edificio exclusivo co obxectivo de evitar que despracen o uso residencial. Ademais, lembrou a incorporación da recarga do IBI para vivendas baleiras e a elaboración dun censo específico que comezará este ano.
Entre as medidas adoptadas citou tamén bonificacións no IBI e no ICIO para vivendas protexidas e cooperativas en cesión de uso, así como a colaboración institucional no proxecto ‘A casiña de Andrea’. O prazo de exposición pública da documentación para solicitar a declaración de mercado residencial tensionado remata o vindeiro luns.
ORDENANZA DE CONVIVENCIA E MODELO TURÍSTICO
A alcaldesa avanzou que en poucas semanas estará rematado o expediente da nova Ordenanza de convivencia, orientada á regulación de comportamentos contrarios á convivencia cun enfoque educativo e de uso equilibrado do espazo público.
No balance do ano, lembrou que 2025 foi o exercicio de implantación da recarga sobre o imposto de estadías turísticas. “Temos claro que a denominada popularmente como ‘taxa turística’ non provoca en si mesma un cambio de modelo, mais é un elemento máis de sensibilización”, explicou.
Segundo indicou, o goberno municipal impulsa un modelo turístico “consciente e responsábel”, complementado con actuacións como o Concurso Internacional de Iluminación Ornamental no marco do Plan de Sustentabilidade Turística.
MEMORIA, EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE
No ámbito da memoria histórica, destacou que desde decembro o Museo do Pobo Galego acolle as esculturas do Mestre Mateo, Ezequiel e Xeremías, tras un proceso xudicial prolongado, e sinalou como reto converter 2026 nun ano centrado na memoria.
En educación, anunciou o novo modelo de comedores con produto de proximidade e confirmou a implantación do servizo en escolas do rural como Laraño, O Eixo e Marrozos.
A programación cultural e festiva, así como programas como Tropa C ou a Festa Pícara, foron tamén obxecto de balance. No ámbito deportivo, lembrou a reforma integral do Pavillón de Vite, a posta a punto de Santa Isabel e a celebración en Santiago dos XVI Xogos do Eixo Atlántico.
INVESTIMENTOS E FONDOS EUROPEOS
En materia de obras, o Concello executou en 2025 arredor de 12 millóns de euros, con actuacións de accesibilidade e reurbanización en distintas rúas, ademais das reformas en marcha no Pazo de Raxoi e noutras vías.
Tamén avanzou o desenvolvemento do proxecto Horizonte Compostela, tras a obtención de 8,7 millóns de euros en fondos europeos EDIL, que permitirán recuperar infraestruturas e acometer intervencións de humanización e accesibilidade.
No rural, destacou o investimento de 390.000 euros presentado ao POS da Deputación para arranxos viarios e lembrou a execución de actuacións en distintas parroquias.
COMPROMISO FEMINISTA E MEDIO AMBIENTE
A alcaldesa pechou a súa intervención reafirmando o compromiso coa igualdade, lembrando ás vítimas de violencia machista e destacando o reforzo da Casa Xohana Torres, coa ampliación de persoal e a posta en marcha do servizo de asesoramento LGBTIQ+.
En materia ambiental, salientou campañas de sensibilización sobre a recollida de lixo, o impulso da compostaxe e a instalación de 74 novos colectores para aceite doméstico usado.

